Ir o contido principal
STG

Richard Schrock: “Os inversores deben ser conscientes de que investir en ciencia é investir en futuro”

Richard Schrock: “Os inversores deben ser conscientes de que investir en ciencia é investir en futuro”
Richard Schrock: “Os inversores deben ser conscientes de que investir en ciencia é investir en futuro”
O Nobel de Química en 2005, en Compostela convidado polo programa ConCiencia

O Programa ConCiencia 2011 trae esta semana a Santiago ao Nobel de Química en 2005, Richard Schrock, que este xoves se reunirá con persoal investigador da USC e pronunciará unha conferencia destinada ao público en xeral. Nun encontro co medios de comunicación, no que estivo acompañado dos profesores Jorge Mira e José Luis Mascareñas, Richard Schrock mostrouse preocupado polo que poida pasar coa ciencia “en tempos tan convulsos economicamente como o de agora”. E non só no público senón tamén no ámbito privado; de feito, afirmou ironicamente, “as investigacións académicas convertéronse actualmente nos laboratorios das empresas”. Sumándose ao dito na rolda de prensa polo profesor Mascareñas, Schrock fixo unha defensa da investigación básica, fundamento dos descubrimentos futuros, e reclamou das institucións que financian investigación máis tempo e paciencia para poder ver resultados. “Normalmente o diñeiro para investigar procede do público, que presiona demasiado por ver pronto os froitos”, dixo, e engadiu que “os inversores deben ser conscientes de que investir en ciencia é investir en futuro”. Xuntanza e conferencia Varios grupos da USC presentaranlle este xoves 10 a Richard Schrock as súas liñas de investigación nunha xuntanza a celebrar a partir das 11.00 horas no CIQUS. En concreto, o Premio Nobel coñecerá os avances nos traballos dos grupos de Fernando López, Moisés Guliás, Diego Peña, Carlos Rodríguez, Jesús Varela e Félix Freire. O acto central da súa visita será o a conferencia que baixo o título ‘Todo sobre o Premio Nobel de Química 2005’ pronunciará ás 20.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química. A intervención, de entrada libre e con tradución simultánea, diríxese ao público en xeral. Richard Schrock Richard Schrock (1945, EE.UU.) mereceu o Nobel -compartido con Yves Chauvin e Robert H. Grubbs- polo desenvolvemento do método da metátese na síntese orgánica que permite ‘cambiar átomos de lugares’. Este achado abre a porta á construción de moléculas sen máis límite que a propia imaxinación, máis aló do que existe na natureza (a imaxe usual para ilustrar este mecanismo de intercambio atómico para compoñer novas moléculas é a dun baile no que as persoas poden cambiar de parella). O descubrimento do profesor Schrock, que na actualidade traballa no Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT), proporcionou un novo xeito de unir fragmentos moleculares para obter moito máis rápido e dunha maneira menos contaminante produtos sintéticos como perfumes, plásticos, fibras e, sobre todo, fármacos. A traxectoria profesional do Nobel desenvolveuse sempre por centros de elite, dende a realización da tese na Universidade de Harvard at ao post-doc na de Cambridge para finalizar no MIT. Nese periplo por centros de primeira orde Schrock traballou ademais durante catro anos, entre 1972 e 1975, no Departamento de Investigación Básica da empresa farmacéutica Dupont. Programa ConCiencia ConCiencia, programa de divulgación científica da USC e o Consorcio de Santiago que dirixe Jorge Mira, busca difundir entre a cidadanía o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que promove intercambios entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito científico internacional. A última visita desta sexta edición de ConCiencia será a do Nobel de Física en 1979, Sheldon Lee Glashow, o vindeiro 13 de decembro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2011.