Ir o contido principal
STG

O río Tins consolídase como un laboratorio vivo de sustentabilidade

Participantes na xornada de presentación de resultados do proxecto Renatur_Outes. Foto: Santi Alvite
Participantes na xornada de presentación de resultados do proxecto Renatur_Outes. Foto: Santi Alvite
O proxecto Renatur_Outes presentou os resultados dun traballo colaborativo de tres anos

A renaturalización fluvial, a mellora do bosque de ribeira e o fomento da biodiversidade do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano son os obxectivos cos que naceu Renatur_Outes, un proxecto no que participou a USC a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e que acaba de presentar na Facultade de Bioloxía os resultados dunha intervención que logrou restaurar 2 km de cauce e mobilizar máis de 600 persoas voluntarias.

A ciencia, a xestión pública e a educación ambiental déronse a man para avanzar na recuperación deste ecosistema fluvial ao seu paso polo concello de Outes. A xornada en Bioloxía inaugurouna Inés Gusman, directora do Centro de Estudos Rexionais (CEER), para quen “iniciativas como Renatur_Outes abren camiño cara a un territorio con máis biodiversidade, no que a restauración ecolóxica actúa como motor de transformación territorial e benestar colectivo”.

Na sesión participaron tamén Ángeles Piñeiro, membro do grupo ANTE e coordinadora do proxecto na USC; Miguel Serrano, do Departamento de Botánica da USC; Jonatan Rodríguez Parra, da área de ecoloxía da USC; Inés Gusman, directora do Centro de Estudos Rexionais (CEER); Carmen Fabregat, da Universidade da Coruña; Luis González, da de Vigo; e Joám Evans, da Fundación Montescola.

Ao longo dos tres anos de intervención lográronse restaurar máis de 20.000 m² de áreas verdes e máis de 4 km de río limpo. Xeráronse 300 m² de illas de biodiversidade e implicáronse máis de 800 persoas en procesos de gobernanza e participación social. Ademais, tal e como explicou Ángeles Piñeiro, destaca a Declaración de Dereitos do río Tins acadada o 1 de marzo de 2024 que o consolidou como o primeiro río con dereitos de España. “Os resultados do proxecto son físicos, pero a participación activa da comunidade local é un dos logros máis importantes. As asociacións de veciños, fundacións que traballan no territorio e o alumnado foron clave nestas accións de concienciación e recuperación do río”, manifestou.

Na xornada presentáronse os avances en biodiversidade e ecoloxía e analizáronse as diversas actuacións realizadas para a mellora da conectividade do leito fluvial, recuperación do bosque de ribeira e o control de especies invasoras como as distintas acacias presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia. Estas accións permitiron reducir a presión das invasoras e favorecer a rexeneración da vexetación autóctona de ribeira.

Renatur_Outes estivo coordinado polo Centro de Estudos Eurorrexionais (Fundación CEER) e liderado polo Concello de Outes, e contou coa participación de persoal investigador das tres universidades públicas galegas, así como de Montescola. Dende a USC, o IDEGA colaborou nos traballos preliminares sobre os riscos de inundación na área de estudo do proxecto. A iniciativa contou co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2026.