Ir o contido principal
STG

Rodríguez Fer, 'Cunqueiriano de Honra'

Claudio Rodríguez Fer recibe este mércores o 'Cunqueiriano de Honra 2024' en Mondoñedo
Claudio Rodríguez Fer recibe este mércores o 'Cunqueiriano de Honra 2024' en Mondoñedo
A distinción outorgada pola Casa Museo Álvaro Cunqueiro e o Concello de Mondoñedo recoñece o labor de estudo e difusión da obra do autor de ‘Merlín e familia’ desenvolvido polo escritor e profesor na Facultade de Humanidades da USC
Lugo, Santiago de Compostela

O poeta, escritor e profesor na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Claudio Rodríguez Fer, que tamén é director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, recibe este mércores, ás 12.00 horas, no consistorio mindoniense o título de Cunqueiriano de Honra 2024, una distinción outorgada pola  Casa Museo Álvaro Cunqueiro e o Concello de Mondoñedo, que recoñece a súa longa e vizosa traxectoria de estudo e difusión da obra de Álvaro Cunqueiro, así como a súa contribución á visibilización e proxección galega e internacional da figura e do legado do autor, entre outras obras, de ‘Merlín e familia’.

Rodríguez Fer que é autor do libro bilingüe ‘Borges e Cunqueiro, creadores de labirintos / Borges y Cunqueiro, creadores de labirintos’ e prologou a recompilación de artigos ‘Álvaro Cunqueiro en Ortigueira’, amplía con este recoñecemento a nómina de profesores da USC que tamén foron distinguidos como Cunqueirianos de Honra, entre os que figuran o ex reitor da USC e ex director da Real Academia Española, Darío Villanueva, ou Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

O traballo desenvolvido por Rodríguez Fer arredor da figura e da obra de Cunqueiro é amplo, dado que publicou máis de vinte ensaios sobre o escritor mindoniense en diversos medios galegos e foráneos, ao tempo que tratou sobre a súa obra nos libros ‘Poesía galega’ e ‘A literatura galega durante a Guerra Civil’ (ambos Premio de Investigación Losada Diéguez) ou ‘Acometida atlántica (Por un comparatismo integral)’. No seo da USC, Claudio Rodríguez Fer dirixiu o primeiro encontro universitario sobre Cunqueiro, titulado ‘Cunqueiro e a tradición europea’, no que interviñeron estudosos e escritores de dentro e de fóra de Galicia.

No Mondoñedo natal do escritor, Claudio Rodríguez Fer participou no Congreso Álvaro Cunqueiro de 1991, inaugurou os I Encontros Álvaro Cunqueiro en 2021 e recitou nos II Encontros Álvaro Cunqueiro en 2022, pero foron moitas as veces nas que disertou sobre o escritor mindoniense en Europa e América. No campo audiovisual, realizou o guión dos documentais ‘Cunqueiro, poeta do Este galego’ e ‘Cunqueiro, prosista do Occidente’, emitidos pola TVG, ao tempo que tamén participou no documental ‘El incierto señor Cunqueiro’, emitido por TVE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2024.