Rodríguez Fer inaugura na Alta Saboia francesa un poema de Valente sobre os españois falecidos na resistencia contra os nazis

O poeta e profesor da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, Claudio Rodríguez Fer, inaugurou na Avenida de Xenebra de Annecy, na Alta Saboia francesa, unha placa co poema de Valente ‘ Cementerio de Morette-Glières’, no que o autor lembra os españois mortos na resistencia contra os nazis durante a Segunda Guerra Mundial na Saboia alpina.
No acto, promovido pola activa Amical da Resistencia Española de Annecy e organizado co gallo da celebración do aniversario da creación do Comité Nacional da Resistencia, por Jean Moulin, o director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, Claudio Rodríguez Fer, puxo voz aos versos nos que Valente lembra os españois finados na Saboia alpina: “Hombres de España / entre los muertos de la Alta Saboya”, dio o poema, que remata identificando estes valentes con “sangre sonora de libertad”. A inauguración da placa conmemorativa co poema de José Ángel Valente congregou na Avenida Xenebra de Annecy, a carón do monumento ‘Aos españois mortos pola liberdade no Exército francés e na Resistencia’, obra do escultor Baltasar Lobo, numeroso público e unha ampla representación de autoridades.
O presidente da Amical da Resistencia Española de Annecy, Miguel Vera Platero, fillo do comandante que coordinou as forzas resistentes na zona e participou na liberación da cidade, foi o encargado de abrir esta emotiva cerimonia, durante que a logo da intervención de Rodríguez Fer, tamén fixeron uso da palabra Jacques Ancet, tradutor ao francés da maior parte da escrita de Valente, e o xeneral Betancourt, que eloxiou a “exemplar fraternidade” dos que deron a vida en terra allea por construír xa entón a verdadeira Europa xuntos baseándose nos principios da igualdade e da liberdade contra a intolerancia.