Rodríguez Fer presenta en Nova York a antoloxía poética bilingüe ‘Amores sen morte’
O profesor na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, escritor, poeta e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, Claudio Rodríguez Fer, presentará este mércores 28 de outubro no Hunter Collegeda City University de Nova York, a súa antoloxía poética bilingüe ‘ Deathless Loves / Amores sen morte’, en edición da profesora neoiorquina Diana Conchado, quen intervirá no acto xunto ao poeta e a un dos tradutores da obra, Clifford Irizarry.
Rodríguez Fer guiará o venres 30, no mesmo escenario de Manhattan un recital colectivo de A cabeleira (poema en 35 idiomas), unha sesión aberta e políglota semellante a xa celebrada este mes na Fundación Granell de Santiago de Compostela que contará con intervencións en moi numerosas linguas europeas, americanas e asiáticas.
Antes de rematar a súa estadía na cidade estadounidense, Rodríguez Fer, que é profesor visitante na City University of New York desde 1992, participará o 4 de novembro, na Hofstra University, situada en Long Island, nunha lectura poética comentada , seguida de coloquio. Esta sesión, organizada pola profesora galega Benita Sampedro, estará guiada polo poeta peruano Miguel-Ángel Zapata.