Ir o contido principal
STG

Roger Penrose recolle este mércores en Santiago o IV Premio Fonseca do programa ConCiencia

Roger Penrose mantivo un encontro na USC con medios de comunicación
Roger Penrose mantivo un encontro na USC con medios de comunicación
Pronunciará a conferencia ‘Mirando a través do Big Bang cara a outro mundo’

O físico matemático Roger Penrose (Inglaterra, 1931) recolle este mércores 23 en Compostela o IV Premio Fonseca de divulgación científica que conceden o Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago. Será ás 20.00 horas no Auditorio de Novagalicia Banco (Rúa do Preguntoiro, 23. Santiago) nun acto no que participan o reitor da USC, Juan Casares; o alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa; e o profesor da USC e responsable de ConCiencia, Jorge Mira. Nel, Penrose pronunciará a conferencia ‘Mirando a través do Big Bang­ cara a ­outro mundo’.

O xurado do premio xustificaba en xullo a súa decisión cualificando como “un Da Vinci moderno” a Penrose, que colle a estela de Stephen Hawking, James Lovelock e David Attenborough na consecución dun galardón co que se recoñece a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia. A multidisciplinariedade da súa carreira así como o carácter internacional da súa figura pesaron na decisión sobre outras candidaturas, destacando “a súa capacidade de divulgar a ciencia, situando ao lector na fronteira do coñecemento nun vasto ámbito multidisciplinar, desde as orixes do Universo aos misterios da mente humana, do mesmo modo creativo e arriscado que caracterizou tamén a súa brillante traxectoria científica”. Programa O programa de Penrose comeza este martes cunha recepción co reitor ás 17.00 horas e unha xuntanza con estudantes na Facultade de Matemáticas. Na mañá do mércores, ás 12.00 horas, reunirase con investigadores da USC na Facultade de Física. A mente e o Big Bang De entre toda a súa carreira investigadora quizais a súa teoría da mente lle supuxo máis críticas. Penrose considera a existencia de natureza non computable nas leis físicas que describen a actividade mental, o que quere dicir que o cerebro non é replicable cos coñecementos e avances actuais en computación. “O que non significa que nun futuro alguén descubra de onde procede a conciencia, pero os computadores non teñen esa capacidade”, matizou nun encontro este martes cos medios de comunicación. Suxire, en definitiva, que ningunha máquina poderá ser intelixente como un ser humano. Esta teoría púxoa sobre o papel en 1989 co libro A nova mente do emperador co que gañou, entre outros, o Premio Aventis un ano máis tarde. Nese mesmo encontro con xornalistas Roger Penrose dixo non estar de acordo cos primeiros resultados do experimento Ópera -precisamente estes días corrixidos- que aseguraban que os neutrinos se comportaban de maneira máis veloz que a luz. “Sospeito –dixo- que os investigadores non tiveron en conta todos os aspectos e circunstancias da teoría xeral da relatividade que incorpora a gravitación”. Por outra banda, engadiu, “son tantos e tantos os estudos e experimentos sobre este asunto que pensar agora o contrario me resulta case imposible”. Penrose é coñecido ademais pola reformulación da teoría do Big Bang coa súa do universo cíclico. Segundo o científico británico o espazo e o tempo non comezaron aí senón que o universo existe nun ciclo continuo de "rebotes" que el chama "eóns" e que xa antes do Big Bang sucederan. Roger Penrose Membro da Royal Society de Londres, en 1990 gañou o Science Book Prize e dous anos antes compartiu con Stephen Hawking o Premio Wolf en Física, considerado a antesala dos Nobel. Precisamente en 1965 en Cambridge probou con Hawking, con quen ten varias obras publicadas, que as singularidades poden formarse a partir do colapso de inmensas estrelas moribundas. Como estudante, o novo Premio Fonseca reinventou a inversa xeralizada, máis coñecida como a inversa Moore-Penrose. Outro descubrimento produto das súas investigacións nos anos sesenta sería a hipótese de censura cósmica, que propón que o universo nos protexe da impredictibilidade das singularidades como os buratos negros ocultándoos da vista. Resolver isto é un dos problemas máis importantes na teoría da relatividade. A interdisciplinariedade do profesor de Oxford chega incluso ao mundo da arte, de maneira que as figuras imposibles que deseñou nos anos 50 –triángulo e escaleira de Penrose- foron logo popularizadas con éxito polo artista holandés Maurits Escher. O xurado considerou ademais a publicación en 2006 do seu libro El camino a la realidad: Una guía completa a las leyes del universo, que constitúe un dos mellores manuais de divulgación dos últimos tempos. Entre os premios recibidos por Penrose destacan as medallas Eddington en 1975, Dirac en 1989 e a Albert Einstein en 1990; o Premio Naylor en 1991 ou a importante Medalla Copley en 2008. O xurado O xurado estivo formado polo reitor da USC, Juan Casares; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o xerente e o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva e Xosé Denis, respectivamente; o director do programa Conciencia, Jorge Mira; o director en funcións dos museos científicos coruñeses, Manuel Miramontes; o editor científico da revista Muy Interesante, Miguel Ángel Sabadell; e o profesor da USC José Edelstein. Roger Penrose no Obradoiro acompañado por Jorge Mira Roger Penrose, IV Premio Fonseca

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2011.