Salientan os notables resultados da USC en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico

A vicerreitora de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna, clausurou este martes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a xornada ‘Innovación e marca: Pancas para a internacionalización das empresas’ organizada polo Foro de Marcas Renombradas Españolas en colaboración co Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC. Acompañárona o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e o vicepresidente do Foro de Marcas e secretario xeral do Consello de Inditex, Antonio Abril. Ante medio centenar de altos directivos de empresas galegas, a vicerreitora destacou os notables resultados que a USC está colleitando en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, non só polo elevado número de proxectos que se levaron a cabo no último ano, e que representa un volume de financiamento superior aos 200 millóns de euros, senón sobre todo polo recoñecemento e a notoriedade que estes tiveron. Neste sentido, avaliou moi positivamente o labor da USC como axente de transferencia do coñecemento, potenciador da innovación e do emprendemento, nun contexto onde os recursos que recibe tanto dos distintos ámbitos da administración como das empresas e doutros axentes sociais mermaron significativamente como consecuencia da crise económica. Pola súa parte, Conde salientou a necesidade de que as marcas Galicia e España traballen coordinadas para xerar unha imaxe de seguridade e confianza que estimule a captación de oportunidades de negocio nos distintos mercados exteriores. Tamén destacou a importancia de vincular os esforzos das empresas, as universidades, centros tecnolóxicos e as propias administracións estatal e autonómica para mellorar a competitividade, apostando pola innovación. A xornada A secretaria xeral de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade, Dª María Luisa Poncela García, impartiu na xornada a conferencia ‘A estratexia española de ciencia, tecnoloxía e innovación: O recoñecemento de España como país innovador’. A ela seguíronlle dúas mesas redondas sobre os factores claves para a competitividade empresarial e as sinerxías entre innovación, internacionalización e marca nas que interviñeron o director xeral de Estratexia de TELEVES, José Luís Rodríguez Carneiro; o director de I+D+i de Conservas CALVO, Antonio Cuevas; o director de Mercadotecnia de UROVESA, Xusto Sierra; a subdirectora xeral de APPLUS+, María José Louzao; o director de Novos Negocios de GAES, Joan Gassó; o conselleiro delegado de ELZABURO, Antonio Tavira; o director de Mercadotecnia e Vendas de FINSA, Virgilio Romeu; xunto a destacados investigadores e académicos como o director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García; o director da Cátedra UNESCO de Emprendemento, Carlos Hernández; ou o director do Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior, Miguel Anxo Otero. Desde o seu inicio no ano 1991, o posgrao da USC mantén unha relación estreita coas empresas e institucións involucradas no ámbito da internacionalización co obxectivo de contribuír á formación do seu alumnado e colaborar na expansión internacional das empresas galegas.