Ir o contido principal
STG

Santiago acolle a sétima Reunión da sección de Química da Axencia Europea de Investigación

Santiago acolle a sétima Reunión da sección de Química da Axencia Europea de Investigación
Santiago acolle a sétima Reunión da sección de Química da Axencia Europea de Investigación
Unha conferencia da Premio Nobel Ada Yonath inaugurou o programa científico na Facultade de Química

A sección de Química da Axencia Europea de Investigación (ERA-Química) está a celebrar a súa sétima reunión anual, centrada na área da Química Biolóxica, en Santiago de Compostela. O conclave científico reúne ata o próximo mércores 27 a algúns dos principais expertos na área como a Premio Nobel de Química en 2009, a cristalógrafa Ada E. Jonath do Instituto de Ciencia Weizmann en Israel, ou quen é considerado por moitos como o pai da nanotecnoloxía, o profesor da Universidade de Nova York Nadrian Seeman. Xunto con estes científicos intervirán expertos de primeira orde de Alemaña, Suíza, Holanda, Italia, Francia, Bélxica, Irlanda e España. A cerimonia de apertura celebrouse este domingo na Aula Magna da Facultade de Química da Universidade de Santiago (Campus Vida). Presidiu o acto o reitor Juan Casares Long e nel participan ademais o secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro; o decano da Facultade anfitrioa, Ramón Estévez Cabanas; a presidenta do congreso, Concepción González Bello; e Ulf Diederichsen, membro do comité científico. A continuación, a Premio Nobel Ada Yonath pronunciará a conferencia inaugural, que versará sobre o ribosoma. A química biolóxica A Química Biolóxica busca a comprensión molecular profunda dos fenómenos bioló­xicos e o seu alcance expandiuse á aplicación daquel coñecemento dos sistemas vivos no avance das ciencias químicas.

Desde o desenvolvemento de novos métodos de bioconxugación para a modificación selectiva de biomoleculas, que aproveitan o poder dos catalizadores modernos na creación de novas especies moleculares, ao deseño de novas estratexias de visualización que permiten estu­dar fenómenos antes agochados, así como o uso das ricas propiedades das moléculas biolóxicas, proteínas e ácidos nucleicos, fóra do seu ámbito na ciencia de materiais ou nanotecnoloxía, “a Química Biolóxica estará no núcleo dos avances máis grandes en Quí­mica e Bioloxía”, afirman os organizadores do evento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2010.