O secretario de Estado de Universidades e o reitor compostelán inaugurarán este xoves na USC o VIII Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario
O secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta, e o reitor da USC, Senén Barro, inaugurarán este xoves 29 na Facultade de Química o VIII Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario que nesta ocasión avanzará na análise dos principais trazos que definen ás universidades emprendedoras. O acto, no que tamén estará presente o subdirector xeral adxunto e director-coordinador da División Global Santander Universidades, José Manuel Moreno Alegre, celebrarase a partir das 10:00 horas na Aula Magna da Facultade compostelá, sede do encontro.
Coa participación de destacados expertos neste ámbito tanto dende o punto de vista académico como empresarial, o congreso ofrecerá aos participantes a oportunidade de discutir e intercambiar experiencias e boas prácticas sobre o impacto socio-económico do emprendemento universitario, a posta en valor da tecnoloxía dende as universidades, o financiamento dos programas de emprendemento universitarios e a creación de empresas dende as universidades emprendedoras.
ProgramaO primeiro dos bloques temáticos que se abordarán no desenvolvemento deste congreso é o dedicado á análise do impacto do emprendemento universitario no desenvolvemento económico. A quenda de intervencións arrancará coa presenza do director do programa Innova da Universitat Politècnica de Catalunya, Francesc Solé Parellada, que tratará de respostar á cuestión ‘Debe unha universidade ser emprendedora?’. Deseguido, Peter van der Sijde, da Universidade de Twente, presentará o caso particular da súa universidade como mostra de boas prácticas do espírito emprendedor nas institucións de ensino superior. Completando a xornada matinal a directora xeral de Programas e Transferencias de Coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación, Otilia Mó Romero, referirase ás políticas de apoio ás universidades emprendedoras.
A sesión da tarde coincidirá co inicio dun novo bloque temático no que as distintas intervencións programadas se referirán á identificación e posta en valor da transferencia de tecnoloxía nas universidades. Ás 16:00 horas, a directora da OTRI da Universitat de València, Ana Cortés Herreros, será a primeira en intervir co relatorio ‘Transferencia de coñecemento a partir da investigación: a creación de spin-offs’. Seguiralle o director asociado do CITT da USC, José L. Villaverde Acuña, para falar sobre ‘Posta en valor da tecnoloxía: explotación dos resultados de investigación’. Para rematar coa primeira xornada do congreso, o xestor da Propiedade Intelectual do Instituto Pedro Nunes e da Universidade de Coimbra, José Ricardo Aguilar, afondará nos aspectos relacionados coa comercialización dos resultados de investigación universitarios.
Xa o venres, as presentacións previstas agruparanse ao redor de dous bloques temáticos nos que se darán conta do financiamento de programas de emprendemento universitario e dos proxectos sociais e de humanidades versus proxectos baseados na tecnoloxía. Participarán representantes das universidades Politécnica de Valencia, de Barcelona, da Jaume I, Autónoma de Madrid, de Copenhague e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.
Organizado polo programa de fomento da cultura emprendedora da USC, Uniemprende, o congreso conta co apoio da Cátedra Unesco de Innovación e Xestión da Cultura Emprendedora no marco universitario e co patrocinio da Xunta de Galicia e Banco Santander.