Ir o contido principal
STG

O sector farmacéutico galego deuse cita en Compostela para abordar a situación da Facultade de Farmacia

Na xuntanza participaron representantes do sector farmacéutco galego. Foto: Santi Alvite
Na xuntanza participaron representantes do sector farmacéutco galego. Foto: Santi Alvite
O reitor da USC, o xerente e o equipo decanal do centro actuaron como anfitrións para un sector da Farmacia que amosou a súa inquedanza pola situación do centro
Santiago de Compostela

Cun obxectivo común, o de facer partícipe á sociedade galega da fonda preocupación do sector pola situación da Facultade de Farmacia, reuníronse en Santiago de Compostela os colexios de farmacéuticos de Galicia, representantes de distribuidoras farmacéuticas e dos farmacéuticos de hospital, a Real Academia Galega de Farmacia, o equipo decanal do centro, o goberno da USC e tamén o do Consello Social da universidade.

Os colectivos e institucións presentes na xuntanza coincidiron en situar a problemática coma unha cuestión de primeira magnitude para o ámbito da saúde en Galicia. Todos eles comparten a súa visión sobre a Facultade de Farmacia, un centro único en Galicia e tamén o referente para o noroeste español. Pola súa relevancia, concluíron, resulta evidente que se trata dun problema que transcende calquera tipo de interese particular ou límite xeográfico.

Os asistentes acordaron, a partir desta primeira reunión, conformar un grupo de traballo para elaborar un manifesto que sirva para crear un espazo de diálogo e colaboración con todos os axentes que participan do sector farmacéutico así como con institucións e administracións locais, provinciais, autonómicas e estatais co único obxectivo de devolver á Facultade de Farmacia ao lugar que lle corresponde no referido ás infraestruturas e instalacións para desenvolver a súa función educativa e de investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2019.