Ir o contido principal
STG

Sementando vocacións científicas

Richard R. Schrock compartindo un rato de café cos estudantes (Foto: Fernando Casal)
Richard R. Schrock compartindo un rato de café cos estudantes (Foto: Fernando Casal)
O Premio Nobel Richard Schrock reuniuse na USC con estudantes de bacharelato

Onde atopar a motivación para continuar investigando despois de tantos anos ou cal é o papel da química no problema da contaminación e do cambio climático foron algunhas das cuestións que estudantes de ensino secundario e bacharelato de Galicia lle formularon esta mañá na USC ao Premio Nobel en Química Richard R. Schrock (1945, USA). O científico, que actualmente desenvolve a súa labor investigadora no Massachusets Institute of Technology (EE.UU.), un dos centros universitarios de maior prestixio internacional, mantivo un encontro distendido nun ambiente informal con rapaces e rapazas dos Institutos de Sar e Rosalía de Castro de Santiago, do Concepción Arenal de Ferrol e das Franciscanas de Ourense. Na xuntanza no CiQUS o laureado investigador faloulles da importancia da comunicación e a divulgación científica e animou aos rapaces e rapazas a dedicarse á investigación a pesar de que os resultados do seu esforzo non sexan inmediatos. “De feito –explicoulles– o que me deu a fama como científico descubrino hai corenta anos sen saber nese momento as súas potencialidades”. “ Investigade por vocación, non pensando en gañar premios”, advertiulles. O Nobel recibírono á súa chegada ao CiQUS o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes. O titular de Educación tivo palabras de agradecemento para os organizadores do acto, e dun modo especial para o profesor Mascareñas, a quen se referiu como “un dos científicos galegos máis importantes, un luxo para Galicia contar con el”. Pola súa banda, a vicerreitora destacou a presenza do Nobel no “único centro de investigación de química biolóxica de España, un centro con tres piares básicos: a excelencia, a cooperación e a traslación de coñecemento”. A xornada rematou cunha conferencia de Schrock na Aula Magna da Facultade de Química na que, diante de numeroso público, falou sobre o descubrimento, desenvolvemento e aplicacións dos catalizadores de metátese que o levaron á consecución do premio Nobel. Richard Schrock O Profesor Richard Schrock recibiu o premio da Academia Sueca no ano 2005 polo seu traballo no desenvolvemento do método da metátese na síntese orgánica, que basicamente permite «cambiar átomos de lugares». Para ilustrar este mecanismo de intercambio atómico orientado á composición de novas moléculas, a miúdo emprégase a metáfora dun baile de parellas, no que as persoas que o integran poden mudar de compañeiro en calquera momento. O descubrimento do profesor Schrock proporcionou así un novo xeito de unir fragmentos moleculares; un avance que permite obter máis rapidamente e de maniera menos contaminante produtos sintéticos como perfumes, plásticos, fibras, ou, moi especialmente, fármacos. A concesión do premio Nobel –compartido cos investigadores Yves Chauvin e Robert H. Grubbs- foi un recoñecemento a este relevante achado, que abre a porta á construción de calquera tipo de moléculas (mesmo máis aló das existentes na propia natureza), sen máis límite que a propia imaxinación. O Premio Nobel posou cos grupos de estudantes que o visitaron (Foto: Fernando Casal) Schrock e Mascareñas posan cun grupo de estudantes (Foto: Fernando Casal) O Nobel posando cun grupo de rapazas interesadas no ámbito da química (Foto: Fernando Casal) O encontro desenvolveuse nun ambiente informal no que os estudantes lle formularon numerosas cuestións (Foto: Fernando Casal)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2015.