Ir o contido principal
STG

O seminario ‘Lucus Augusti: Historia dunha cidade’ permite a quince persoas a ampliar os seus coñecementos sobre a orixe de Lugo

Dolores Dopico con participantes no curso, no Museo  Provincial de Lugo
Dolores Dopico con participantes no curso, no Museo Provincial de Lugo
A profesora de Historia Antiga da USC, María Dolores Dopico, e o arqueólogo Enrique Alcorta imparten as distintas sesións formativa do curso no Museo Provincial de Lugo

Un total de quince persoas, a maioría estudantes da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, participan desde este luns na cuarta edición dun seminario monográfico sobre a historia de Lugo que se desenvolve nas dependencias do Museo Provincial de Lugo baixo o título ‘Lucus Augusti: Historia dunha cidade’.

A profesora de Historia Antiga da USC na Facultade de Humanidades de Lugo, María Dolores Dopico Caínzos, e o arqueólogo do Museo Provincial de Lugo, Enrique Alcorta, son os responsables de impartir as distintas sesións programadas no marco deste seminario, que, desde unha marcada orientación práctica, busca que as persoas participantes aprendan a manexar as fontes antigas conservadas (epígrafes, moedas antigas, restos arqueolóxicos...), ademais de clasificalas, documentalas e valoralas. As diferentes sesións incluídas na cuarta edición deste curso, co que se pecha o ciclo de catro seminarios dedicados de forma monográfica á Historia Antiga, desenvolveranse, de luns, a venres, a partir das 10.30 horas, no Museo Provincial de Lugo. Aínda así, as xornadas, que se prolongarán en quenda de mañá, contemplan diversas visitas pola cidade, a fin de que as persoas participantes poidan aplicar os contidos aprendidos á cidade de Lucus Augusti e reconstrúan así a súa historia. A profesora María Dolores Dopico abriu este luns a quenda de intervencións cunha exposición sobre as orixes da cidade, a fundación histórica e a súa estrutura social. A forma urbis será o eixo temático da xornada do martes, mentres que o seminario seminario abordará de xeito específico as edificacións públicas e privadas e as infraestruturas, en xeral, nas sesións previstas para mércores e xoves. A xornada de clausura afondará o venres na historia da cidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2014.