Ir o contido principal
STG

Seminario sobre propiedade industrial no CiMUS

Laboratorio da USC de tratamento de fármacos fotosensibles. Foto: Santi Alvite
Laboratorio da USC de tratamento de fármacos fotosensibles. Foto: Santi Alvite
Afondará nas particularidades de patentar en Europa novos usos de fármacos

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e ABG Intellectual Property co organizan o vindeiro 18 de abril un seminario sobre propiedade industrial para persoal científico e innovador no que participa a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). O encontro desenvolverase no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e a asistencia é libre previo rexistro.

Segundo datos oficiais recentes, en 2023 solicitouse a protección mediante patente europea para 66 invencións xeradas por organizacións que invisten en I+D en Galicia, sete máis que o ano anterior. Ese trámite é clave non só para evitar que terceiros se aproveiten dos avances alleos, senón tamén para atraer investimento que permita seguir investigando, para crear empresas de base tecnolóxica ou para establecer acordos de licencia con outras entidades nacionais ou estranxeiras.

Na xornada afondarase nas particularidades de patentar en Europa novos usos de fármacos, unha área estratéxica para a economía galega, de maneira que as asistentes terán a posibilidade de coñecer as similitudes e diferenzas co sistema de protección legal das invencións de Estados Unidos, un país que resulta clave para o desenvolvemento e a internacionalización dos proxectos.

Pola súa banda, a GAIN  dará a coñecer a publicación Metodología para la evaluación del potencial comercial de tecnologías protegidas mediante patente, que acaba de editar en colaboración coa Fundación Barrié dentro do Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento. Trátase dunha ferramenta clave para medir o potencial comercial dunha tecnoloxía patentada e definir a súa capacidade para xerar beneficios económicos ou competitivos a través da concesión de licencias ou a venda.

O programa inclúe tamén un relatorio que orientará as organizacións galegas sobre os aspectos a considerar ao negociar a compensación económica cando establezan acordos de licencia. Este tipo de contratos e convenios é un escenario moi frecuente no ecosistema innovador e a falla de asesoramento especializado desemboca a miúdo en controversias que poden comprometer a transferencia da tecnoloxía.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2024.