Ir o contido principal
STG

Serge Haroche, Nobel de Física: “Un país que dirixe os seus esforzos só á ciencia aplicada está perdido”

Serge Haroche pronuncia unha conferencia este mércores 19, ás 20.00 horas no Auditorio Abanca (Foto: Santi Alvite)
Serge Haroche pronuncia unha conferencia este mércores 19, ás 20.00 horas no Auditorio Abanca (Foto: Santi Alvite)
O científico francés pronuncia este mércores 19 unha conferencia, de acceso libre, sobre a relación entre investigación fundamental e innovación tecnolóxica

O premio Nobel de Física en 2012, Serge Haroche (Casablanca, 1944), atópase esta semana en Santiago como convidado do programa de divulgación científica ConCiencia que desenvolve a USC co apoio do Consorcio de Santiago. Na actualidade investigador e profesor no Collège de France (París ), Haroche recibiu o Nobel xunto con David J. Wineland por descubrir uns innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais.

A visita do físico francés culminará este mércores 19, ás 20.00 horas no Auditorio Abanca (Preguntoiro, 23. Santiago), coa conferencia pública‘Como se nutren mutuamente a investigación fundamental e a innovación tecnolóxica’, da que hoxe adiantou algunha idea nun encontro con medios de comunicación.

Así, falou do ritmo “lento” da ciencia fundamental, “incompatible coa ganancia de diñeiro pero esencial para o progreso”. De feito, matizou, “é posible que o meu traballo sexa usado no futuro para calquera cousa que nin imaxino, como xa aconteceu con moitos outros científicos”. A este respecto sinalou Xapón como o país que hoxe máis atención lle está prestando á ciencia –i nviste o 4 por cento do seu PIB–, e en especial á básica, e pese a que en Europa o investimento en ciencia é só o 2,2% destacou tamén o European Research Council (ERC), que financia moitos proxectos de ciencia básica e que “dalgunha maneira corrixe as deficiencias dos propios países”.

O Nobel de Física reclamou ademais maior atención á ciencia por parte dos gobernos. “Os políticos queren e piden ciencia cando hai que solucionar un problema, pero iso non pode ser así”, dixo. “A ciencia debe e pode ir por diante das necesidades dunha sociedade, para adiantarse ás posibles incertezas futuras”. Matizou tamén que “os gobernos deben financiar a ciencia, do mesmo xeito que deben incentivar que as empresas a apoien”, pero iso si, advertiu, “actuando como garantes de que non se beneficien do sistema mediante eses incentivos fiscais”.

Logo dunha hora de encontro cos medios, Haroche non quixo marchar sen advertir da necesidade de incidir dende as institucións na mestura das ciencias e as humanidades. “Teñen que mesturarse, complementarse, non pode haber ciencia sen filosofía, sen liberdade de expresión e de pensamento, esenciais para o progreso científico”.

Serge Haroche
Nado en Marrocos, Haroche trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou a quen sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Observar estados cuánticos
A medida que nos achegamos aos compoñentes máis minúsculos do universo, a nosa comprensión habitual de como funciona o mundo deixa de aplicarse. Nese campo, o da física cuántica, fanse patentes novas regras que parecen sorprendentes, como a que di que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento.

Diante desta afirmación, nos anos 80 do século pasado Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Así, deu capturado e estudado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos de xeito que facía pasar átomos a través dela.

Co seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles, algo considerado ata entón inexpugnable, senón tamén controlalos, o que supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.

O profesor Jorge Mira, coordinador de ConCiencia, co profesor Haroche (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2017.