Ir o contido principal
STG

Sesenta e tres alumnos da ESO en Galicia competiron na I Mini Olimpíada Galega de Química

Estudantes de ESO en Galicia participaron na I Mini Olimpíada Galega de Química
Estudantes de ESO en Galicia participaron na I Mini Olimpíada Galega de Química

Sesenta e tres alumnos da ESO de toda Galicia competiron este venres na final da I Mini Olimpíada Galega de Química que organizou a Comisión de Ensinanza do Colexio Oficial de Químicos de Galicia na Universidade de Santiago.
A xornada desenvolveuse como unha prolongación da actividade docente, na que os alumnos realizaron diversos experimentos no laboratorio adaptados aos seus programas curriculares. Á súa vez, ao longo de todo o día os profesores dos centros que participaron na Mini Olimpíada asistiron ao seminario titulado ‘O laboratorio de Química na ESO e no Bacharelato’.
Os estudantes de 3º e 4º de ESO foron seleccionados nunha fase de zona celebrada o pasado 25 de abril en Foz, Lugo, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense e Vigo que contou con 216 rapaces de 39 centros educativos.
Entrega de premiosOs alumnos que gañen a olimpíada recollen o seu premio pola tarde na Aula Magna da Facultade de Química onde tamén se entregan os galardóns aos gañadores da XXV Olimpíada de Química de Bacharelato. Ademais, realízase unha pequena homenaxe a un dos creadores das olimpíadas galegas e nacional, o profesor Enrique Macías Ruíz recentemente falecido.
Nesta actividade colaborou de forma activa a Facultade de Química da USC co apoio de Frigoríficos del Morrazo, ALCOA, Obra Social de Caixa Galicia e o Concello de Foz. Pola súa banda, os centros que prestaron as súas instalacións para a realización da Fase de Zona foron a Facultade de Ciencias de Ourense, o Colexio Fingoi de Lugo, o Colexio Martínez Otero de Foz, a Escola Universitaria Politécnica de Ferrol, a Facultade de Ciencias da Coruña, a Escola de Fisioterapia de Pontevedra e o Colexio Miralba-Fillas de Xesús de Vigo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2008.