Ir o contido principal
STG

Unha sesión científica de Campus de Excelencia 'Campus Vida' mira cara o futuro das nanociencias e a nanotecnoloxía

O reitor Juan Casares pronunciará este venres 3 a conferencia coa que arrancará a sesión científica Campus de Excelencia 'Campus Vida' sobre Nanociencias e Nanotecnoloxía, que se celebrará a partir das 11:00 horas na Aula Magna da Facultade de Química. ‘Bio-Nanomaterials Science and Technology’ será a conferencia coa continuará a quenda de intervencións, a partir das 11:20 horas, da man do profesor emérito da Universidade Tecnolóxica de Delft, Marcel Van de Voorde, quen ademais é asesor ou membro de comités científicos e consellos de investigación de diferentes países europeos, Xapón ou China, así como de organismo de I+D como o CNRS, CSIC, NIMS, NATO, CEN, LNETI ou ESA. O propio Van de Voorde tomará a palabra a continuación para presentar diversas visións para unha ‘Nanoeducación, nanociencia e centros tecnolóxicos para Europa’.

O director do Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía (INL), o catedrático de Electromagnetismo da USC José Rivas, porá o peche ao desenvolvemento do programa cunha intervención que presenta a experiencia do INL a modo de ‘Exemplo de Centro de Investigación Internacional en Nanociencia’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2010.