Ir o contido principal
STG

A sexta promoción de talentos matemáticos de ESTALMAT inicia as súas actividades

Os 358 participantes na proba de selección de Estalmat-Galicia 2012 e membros do comité organizador
Os 358 participantes na proba de selección de Estalmat-Galicia 2012 e membros do comité organizador
O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias, conta co apoio da Consellaría de Educación, a Fundación Vodafone e as Deputacións da Coruña e Lugo

O acto de inauguración do curso 2012-2013 do proxecto Estalmat-Galicia será o punto de partida das actividades da sexta promoción desta iniciativa orientada ao estímulo do talento matemático en rapaces de 12 a 13 anos. Na Aula Magna da Facultade de Matemáticas este sábado 22, ás 10.30 horas, participarán os 25 alumnos/as, acompañados das súas familias, autoridades académicas e equipo docente do proxecto. Ao final do acto, os alumnos recibirán a súa acreditación das autoridades e profesores, para saír seguidamente cara un campamento matemático durante a fin de semana en Abegondo-Sada, que supón unha toma de contacto entre eles nun ambiente lúdico-matemático. O acto de apertura do curso estará presidido polo vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, ao que acompañarán o presidente do Comité Organizador de Estalmat-Galicia, o profesor Juan Viaño, a decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar, ademais dos representantes dos patrocinadores principais de ESTALMAT-Galicia: Manuel Vila López, subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado; Juan José de Santiago Laguillo, director da zona noroeste de Vodafone-España. Completan a mesa, Victor Pollán Fernández e Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, coordinador académico e responsable de relación coas familias de ESTALMAT-Galicia, respectivamente. Representantes dos once membros do Comité Organizador e dos 41 profesores do equipo docente, todos eles profesores de matemáticas de amplo historial no ámbito do ensino secundario e universitario, recibirán aos 25 estudantes seleccionados o pasado 2 de xuño na proba celebrada na Facultade de Matemáticas. Nesta proba participaron un total de 358 estudantes de toda Galicia nacidos en 1999 e 2000. Os participantes, 219 rapaces e 139 rapazas, procedían na súa maioría das provincias da Coruña (194) e Pontevedra (128), seguidas das de Lugo (24) e Ourense (12), tanto do ensino público (242) como do privado (116). O alumnado seleccionado (20 rapaces e 5 rapazas) pertencen á Coruña (10), Lugo(3), Pontevedra (12). Nos cinco anos dende a súa implantación, ESTALMAT-Galicia ten examinado na USC a mais de 1.350 estudantes con grande interese polas matemáticas, dos que saíron seleccionados 150 talentos matemáticos para incorporar ás súas actividades. Desenvolvemento do curso Durante o curso os/as estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende 1998 vén implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias, Valencia e Cantabria. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados do curso académico. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Promoción de 2011 O vindeiro día 29 de setembro tamén comezarán as actividades os vinte cinco alumnos/as do segundo ano (promoción 2011), ao que hai que sumar o programa Estalmat Pi, dirixido a manter o contacto dous anos mais con actividades impartidas en seis sábados do curso. ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España e do CSIC. O proxecto, pilotado pola Facultade de Matemáticas da USC, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das deputacións da Coruña e Lugo e o Concello de Guitiriz. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web http://www.estalmatgalicia.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.09.2012.