Sherry Simon, pioneira no estudo da interacción entre xénero e tradución, imparte unha conferencia en Filoloxía

A catedrática da Universidade de Concordia (Canadá) Sherry Simon impartirá este mércores 27 unha conferencia na Facultade de Filoloxía, ás 12.00 horas na Aula 16, titulada ‘Productive dissonance: gender in translation’. A investigación desenvolvida pola doutora Simon é pioneira no ámbito da interacción entre xénero e tradución. En 1996 publicou a obra Gender in translation: cultural identity and the politics of transmission, considerada como un estudo emblemático neste ámbito. Na actualidade Sherry Simon é co editora do xornal cultural de Quebec Spirale. Entre as súas publicacións destacan ademais: Le Trafic des langues (Boréal, 1994), Culture in Transit (1996), Translating Montreal: Episodes in the Life of a Divided City (McGill, 2006) e Cities in Translation. Intersections of Language and Memory ( Routledge, 2012). Asemade, é co editora de Changing the Terms: Translating in the Postcolonial Era, (Ottawa UP, 2000). Membro da Royal Society of Canada e da Académie des Lettres du Québec, ten recibido prestixiosos galardóns en recoñecemento ás súas traducións e ás súas obras críticas. Na actualidade a súa investigación céntrase no eido da tradución nos contextos plurilingües, nos que presta unha atención especial á negociación da identidade e a mobilidade no que ela mesma define como as "cidades divididas". Esta conferencia está organizada polo grupo de investigación ‘Ex(s)istere: A mobilidade das mulleres nas literaturas galega e irlandesa contemporáneas’, , que coordina a profesora Manuela Palacios González e que está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.