Ir o contido principal
STG

O simposio anual do ILG estuda a partir do luns o cambio linguístico no galego actual

O simposio anual do ILG estuda a partir do luns o cambio linguístico no galego actual
O simposio anual do ILG estuda a partir do luns o cambio linguístico no galego actual

As fondas mudanzas da sociedade e da cultura que se produciron no último século teñen sen dúbida o seu reflexo na lingua. Para determinar as repercusións destes cambios e do contacto lingüístico, o Instituto da Lingua Galega da USC celebra a vindeira semana o seu simposio anual no que ademais se tratarán outros aspectos de variación e mudanza lingüística que se están a percibir na sociedade actual; entre eles, o contacto co español, xa secular en Galicia, pero que nos últimos decenios alcanzou un impacto especialmente relevante.

Ao longo dos cinco días do simposio, persoal investigador de recoñecido prestixio internacional achegará diferentes abordaxes metodolóxicas e un bo número de investigadoras novas presentarán as liñas de investigación nas que están traballando e que xa están a producir importantes resultados. Deste xeito a organización do simposio quere mostrar a vitalidade que están a alcanzar este tipo de traballos na lingüística galega actual e amosar as posibilidades da aplicación de novos enfoques para comprender mellor como cambiou e como está a mudar hoxe a lingua.

O encontro desenvolverase os días 16, 17, 18 e 24 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e o 25 no Consello da Cultura Galega, entidade colaboradora. A inauguración será o luns 16 ás 17.00 horas e a partir de aí, sempre en horario de tarde, se sucederán relatorios de temática variada nas que analizarán, entre outras cuestións, a variación entonativa, o cambio inducido por contacto castelanizante en galego, as consecuencias do cambio de lingua dominante por razóns ideolóxicas, a escrita electrónica galega ou a percepción e as actitudes como condicionantes do cambio lingüístico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2015.