O Simposio anual do Instituto da Lingua Galega pon a atención na fronteira galego-portuguesa
‘Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa’ é o tema que aborda a nova edición do simposio anual do Instituto da Lingua Galega (ILG) e que dedica a un tema específico escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación dos/as titulados/as universitarios/as. A intención é propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, difundir o novo coñecemento xerado e contribuír á renovación en métodos e resultados. Desta volta, sobre o espazo que conforma a fronteira galego-portuguesa, os promotores do encontro apostan por achegarse a este tema como “un espazo de convivencia e intercambio, así como de creación dun tipo de cultura propias desas áreas fronteirizas”. Ademais da colaboración do Consello da Cultura Galega, o simposio do ILG conta este ano coa participación do Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa. Diríxese preferentemente a profesorado e alumnado universitario de distintas áreas do saber, a docentes de ensino primario e secundario, de escolas oficiais de idiomas e de formación profesional, docentes das áreas da lingüística, historia, xeografía, antropoloxía e etnografía; e tamén, na mesma liña de formación continua, a profesionais de distintos sectores. Xornada inaugural A inauguración do simposio, que se estenderá ata o próximo 3 de decembro, celébrase este xoves no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. Deseguido, Luis M. García Mañá como membro correspondente da RAG presenta o relatorio ‘A fronteira esvaída, a fronteira do encontro’, a quen lle segue o profesor da USC Xosé Carlos Baliñas con ‘A flumine Mineo usque in Tagum: os camiños diverxentes de Galicia e Portugal na Alta Idade Media (700-1100) e Augusto Pérez Alberti co relatorio ‘A estrutura das paisaxes da raia’. É posible atopar máis información sobre o Simposio na páxina web http://ilg.usc.es/gl/actividades/simposio-ilg-2013