Ir o contido principal
STG

O Simposio anual do Instituto de Lingua Galega pon en relación a antroponimia coa lexicografía

O simposio do Instituto da Lingua Galega (ILG) 2016 estará dedicado á antroponimia e lexicografía. O abano de relatorios e conferencias que o integran celebraranse no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía entre o vindeiro luns 24 e o mércores 26 organizado por Ana Boullón e Sandra Beis Silva.

Patrick Hanks, da Universidade de Wolverhampton e da West of England, abrirá a quenda de intervencións ás 17.00 horas falando sobre dicionarios ingleses e americanos de apelidos, seguido de Dieter Kremer, da Universidade de Trier, co relatorio ‘Os dicionarios antroponímicos na Europa románica. Unha visión dende o PatRom’. Para completar este primeira sesión Alda Rossebastiano, da Universidade de Torino, falará sobre ‘Dizionari antroponimici italiani: problemi e soluzioni’.

Xa o martes 25, tamén a partir das 17 horas, interveñen Consuelo García Gallarín, Ana Boullón e Gonzalo Navaza, cunha serie de intervencións sobre o antropónimo e o nome común na lexicografía, a estrutura do Dicionario dos apelidos galegos e as particularidades fonéticas e morfolóxicas en apelidos galegos, respectivamente. Finalmente, na xornada do mércores, Xosé Mª Lema presentará o relatorio ‘ Os primeiros apelidos documentados dunha parroquia galega: Berdoisa (s. XVII)’; Luz Méndez aludirá a ‘Seseo, gheada e estandarización de apelidos’; e Valentina Formoso realizará unha ‘Aproximación ao valor simbólico dos nomes e apelidos’.

O estudo da antroponimia, principalmente en relación coa lexicografía, articúlase nesta edición do simposio do ILG arredor de dous eixes principais. No primeiro presentaránselle a autores de dicionarios europeos de nomes ou apelidos cuestións comúns do tratamento lexicográfico da antroponimia. Este será o punto de partida para abordar cuestións sobre delimitación lingüística, os criterios para a selección do lema, a presenza da documentación histórica, información xeográfica, a relación entre divulgación e información científica e os dicionarios como ferramenta para a normalización.

O segundo dos eixos estará dedicado a temas específicos sobre os nomes e os apelidos galegos, con especial atención á súa situación no século XVII, os diversos fenómenos fonéticos ou morfolóxicos que os afectan especificamente, a dimensión simbólica que cobran nos usuarios e a cuestións da normalización social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2016.