Ir o contido principal
STG

Un simposio de formación e innovación educativa cita máis de 200 estudantes e docentes en Formación do Profesorado

Participantes no I Simposio de Formación e Innovación Educativa celebrado en Formación do Profesorado
Participantes no I Simposio de Formación e Innovación Educativa celebrado en Formación do Profesorado
A innovación é un campo no que cómpre avanzar no ámbito formativo e require máis de boas ideas que de recursos, sinala o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, na apertura de Forinnova
Lugo, Santiago de Compostela

O I Simposio de Formación e Innovación Educativa (Forinnova), un evento promovido polos grupos grupos de investigación Mestura e GEFIL, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, reúne máis de 200 membros da comunidade educativa, entre docentes, estudantes e investigadores, na Facultade de Formación do Profesorado, o escenario no que o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, defendeu a necesidade de seguir a innovar no ámbito da formación, ao tempo que supeditou esta evolución e transformación dos procesos educativos á existencia de ideas boas e brillantes máis que á disposición de recursos económicos e materiais ou tecnolóxicos.

Fraga realizou estas declaracións na sesión inaugural de Forinnova, no marco dun acto no que tamén participaron o presidente do comité organizador do simposio, Pablo César Muñoz Carril; a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e a deputada provincial Ana González Abelleira. As dúas responsables políticas recoñeceron nas súas respectivas intervencións a importancia do cometido que desenvolven os docentes e abundaron na necesidade de coidar ao máximo a formación dos futuros mestres e mestras. “Esta premisa está sobradamente cumprida no caso do Campus de Lugo da USC, que ten a calidade como bandeira”, dixo a alcaldesa Lara Méndez.

As declaracións realizadas na sesión inaugural están aliñadas cos obxectivos do simposio Forinnova, un programa impulsado co obxecto de ter continuidade no tempo e coa ambición de consolidarse como espazo de encontro da comunidade educativa e investigadora, así como de todas as persoas e profesionais relacionados co mundo da ensino e a educación.

Programa

A catedrática da Universidade da Coruña Mercedes González Sanmamed abriu a quenda de intervencións de Foroinnova cun relatorio baixo o título ‘¿Cómo aprenden los mejores docentes? Una visión desde la formación y la innovación educativa. De seguido, Emilio Veiga Río, responsable do Centro de Formación e Recursos da Xunta de Galicia, ofreceu a charla ‘Análise sobre os actuais plans de Formación e proxectos de Innovación Educativa desenvolvidos nas etapas educativas non universitarias.

Unha sesión sobre metodoloxías innovadoras en Educación Superior para a formación de futuros mestres/as e profesionais da Educación, coordinada por Isabel Dans Álvarez, do grupo Mestura da USC, e outro foro sobre accesibilidade e contidos en contornas de aprendizaxe, a cargo de Alberto de la Viuda Esteban, completaron o programa, no que tomaron parte 12 relatores especialistas na materia.

O I Simposio de Formación e Innovación Educativa xorde como un evento gratuíto impulsado desde a USC, aínda que na súa organización tamén colaboran outras institucións internacionais como a Universidade Federico Henríquez y Carbajal (UFHEC, República Dominicana) e a Universidade de Playa Ancha (Chile), ademais doutras entidades e empresas de ámbito nacional, autonómico e provincial.

Ana González, Francisco Fraga, Lara Méndez e Pablo César Muñoz, na apertura de Forinnova
Ana González, Francisco Fraga, Lara Méndez e Pablo César Muñoz, na apertura de Forinnova
Docentes, estudantes e investigadores inscritos no I Simposio Forinnova
Docentes, estudantes e investigadores inscritos no I Simposio Forinnova
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2022.