Ir o contido principal
STG

A Sociedade Internacional de Lingüística Funcional celebra o seu coloquio anual na Facultade de Humanidades de Lugo

A Sociedade Internacional de Lingüística Funcional celebra, desde este martes 11 ata o vindeiro sábado 15, o seu XXXI Coloquio anual na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde expertos de todo o mundo debaterán sobre o dominio científico da Lingüística Funcional e a súa aplicación ao estudo das diferentes linguas.
Ao acto inaugural deste congreso, que tivo lugar no centro lugués, asistiron a vicerreitora de Oferta e Xestión Académica do Campus de Lugo, Begoña Barreiro; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño; o presidente da Deputación de Lugo, J. Gómez Besteiro; o alcalde da cidade, López Orozco; a presidenta da Sociedade Internacional de Lingüística Funcional (SILF), Henriette Walter; e o organizador do coloquio e decano da Facultade de Humanidades, Alexandre Veiga.
A vicerreitora Begoña Barreiro insistiu na importancia da celebración de congresos e reunións que den a coñecer os traballos realizados na USC e acheguen os coñecementos doutras universidades. Pola súa banda, Alexandre Veiga foi o encargado de dar a benvida aos asistentes e agradeceu ás entidades colaboradoras a sua participación neste evento.
A organización explicou que neste congreso, en concreto, está prevista unha sección centrada no estudo das linguas minoritarias e a normalización lingüística. Outros aspectos a tratar serán a xeografía lingüística, a evolución gramatical e a historia das línguas. Os asistentes gozarán ademais de actividades paralelas e visitas guiadas tanto á cidade de Lugo como á de Santiago, á que se desprazarán o vindeiro xoves, para a celebración dunha das sesións na Facultade de Filoloxía do Campus de Compostela.
Entre os congresistas convidados destaca a presenza de expertos como Jeanne Martinet, lingüista e viúva do fundador da SILF; Wiaczeslaw Nowikow, da Universidade de Lódz en Polonia; Antonietta Dettori, da Universidade de Cagliari en Italia; Salvador Gutiérrez Ordóñez, da Universidade de León; ou Luis Santos Río da Universidade de Salamanca, entre outros.
A internacionalidade tamén destaca entre no congreso, xa que os asistentes proveñen de 23 países diferentes, incluíndo Francia, Italia, Grecia, Chipre, Arxelia, Polonia, Xapón, Moldavia ou Rusia.
A SILFA SILF foi fundada en 1974 polo lingüista francés André Martinet, un dos nomes fundamentais na historia recente da lingüística mundial. Esta sociedade celebra anualmente os seus encontros, tendo lugar as pasadas citas en cidades como Frankfurt, en 2001, nas Antillas Francesas, no 2002, en Helsinki, no 2005, ou en Chipre, no pasado ano. A participación media nos coloquios do SILF atópase sobre o centenar de persoas, na súa maioría membros da sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2007.