Stat Wars achega a estatística de xeito ameno a máis de 350 estudantes na Estrada
O proxecto de divulgación científica ‘Stat Wars: a rebelión dos datos’, liderado polo grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos da USC, desenvolve este martes 18 no Teatro Principal da Estrada un evento para achegar a estatística á rapazada dunha maneira amena e divertida, con xogos e concursos, nos que poñer en práctica o seu espírito crítico e descubrir diversas aplicacións desta disciplina na vida real, presentándoa como unha vocación científica de futuro.
A iniciativa, que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia e Innovación, da Rede Nacional de Bioestadística (BIOSTATNET), diríxese a estudantes de ESO, Bacharelato e FP. O Concello da Estrada colabora na organización do evento no que participan 355 estudantes de catro centros de educación secundaria. Trátase do IES Manuel García Barros e o IES Nº 1, os dous da Estrada; o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis e o IES de SAR en Compostela.
O evento está impartido por Mercedes Conde, profesora de Estatística e vicedecana da Facultade de Matemáticas da USC; Ana Bouzas e Berta Rial, ambas xestoras da investigación no Grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos (GRID-BDS); e polas investigadoras do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Ana Cao e Carla Díaz.
‘Stat Wars’ é unha idea orixinal da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) que a Rede BIOSTATNET lanzou no ano 2017 ao territorio estatal baixo a coordinación da USC, a través do grupo GRID-BDS. Na edición 2022-2023 tamén participan outras doce universidades españolas: Almería, Autónoma de Barcelona, Carlos III de Madrid, Castela A Mancha, Estremadura, Granada, Navarra, Oviedo, País Vasco, Politécnica de Cataluña, Salamanca e Universidade de Valencia. Dende a posta en marcha do proxecto Stat Wars, en Galicia son xa máis de 3.000 os mozos e mozas que participaron nesta actividade divulgativa.