Un taller promove en Ciencias da Educación a normalización social do galego dende o ensino

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza o ‘Obradoiro de apoderamento lingüístico’ co obxectivo principal de promover a responsabilidade na normalización social do galego como parte do ámbito competencial dos mestres e mestras de todo tipo. A inscrición pode formalizarse de balde ata o 18 de abril a través da Secretaría Virtual. O taller está limitado a 90 prazas.
“A educación na actualidade non pode ser allea ao proceso de perda de falantes da lingua galega”, apuntan dende a organización. A reflexión e a colaboración con outras disciplinas na análise das causas e na construción de respostas innovadoras coas que reverter esa tendencia, así como promover a activación de novas persoas falantes para a lingua galega, atópanse na base desta iniciativa.
Neste obradoiro, de dúas sesións teórico-prácticas, introduciranse algunhas chaves para a comprensión do actual escenario e procuraranse novas iniciativas coas que reforzar o galego a través do ensino. O obradoiro botará a andar o mércores 19 de abril, ás 10.30 horas. As outras dúas clases terán lugar os días 24 e 25 de abril. O obradoiro estará impartido no Campus Vida pola educadora social Andrea Rico Adega.