Ir o contido principal
STG

Tres talleres na Escola Técnica Superior de Enxeñaría mostrarán de xeito participativo e lúdico os fundamentos tecnolóxicos da robótica móbil

Tres talleres amosarán este venres 11 os fundamentos que permiten dotar a un robot móbil de capacidade sensorial, da posibilidade de realizar percorridos dun xeito intelixente ou como relacionarse co robot mediante comandos visuais que guíen as súas actividades. É unha actividade inicialmente dirixida ao alumnado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE), pero aberta ao conxunto da comunidade universitaria e ao público en xeral. O obxectivo desta actividade é que as persoas que participen no seu desenvolvemento aprendan algunhas das bases tecnolóxicas da robótica móbil dun xeito participativo e lúdico. Nesta xornada utilizaranse robots móbiles reais Pioneer 3DX e 3AT de MobileRobots. Intelixencia ambiental, interacción xestual co robot e aprendizaxe automática son os tres temas que se analizarán en cada un dos talleres, situados nas plantas 0 e -1 da ETSE en horario de 11.00 a 14.00 horas. Esta é unha iniciativa organizade pola Unidade de Sistemas Intelixentes do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS) co financiamento do programa de axudas para o fomenta da cultura científica e a innovación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Intelixencia ambiental Neste taller mostraranse os principios funcionais e operacionais básicos da coñecida como intelixencia ambiental, aquela que fai referencia á capacidade de incorporar a un contorno unha serie de sensores, elementos de computación e comunicacións para detectar eventos de interese e reaccionar ante eles. Os investigadores da USC neste eido tratan de integrar este novo paradigma coa robótica móbil para facilitar un despregramento rápido e contextual en novos contornos, con cambios mínimos e sen necesidade de expertos en robótica. O obxectivo final consiste en implantar co mínimo custe e mantemento un robot guía para un evento ou museo. Interacción textual co robot O obxectivo final deste taller é que o usuario lle “ensine” ao robot dun modo moi sinxelo e intuitivo as rutas que quere que realice, incluídas as paradas e as mensaxes ou tarefas que debe reproducir ou facer en cada parada. O robot será despois capaz de reproducir esas rutas de forma totalmente automática. A interacción entre usuarios e o robots é un elemento fundamental para que o uso de robots fora dos ambientes controlados dos laboratorios de investigación sexa algún día posible. Neste taller os asistentes poderán interactuar cun robot móbil a partir de xestos coas mans. O robot será capaz de identificar, entre un grupo de varias persoas, aquela que quere interaccionar con el. Ese usuario poderá controlar dun xeito sinxelo certas operacións do robot e mesmo poderá guialo polo contorno. Aprendizaxe automática

Neste taller probarase o funcionamento de diversos algoritmos de aprendizaxe por reforzo. Os investigadores farán que un robot aprenda, en tempo real e sen ningún tipo de información previa, o comportamento básico para seguir unha parede nun contorno delimitado. O reforzo consistirá en que un usuario, empregando un mando sen fíos, lle indicará ao robot cando está a facer mal a tarefa. Co mesmo mando, tamén poderá mover o robot para evitar situacións de risco (por exemplo, si está moi preto ou moi lonxe da parede). Estas indicacións serán suficientes para que o algoritmo de aprendizaxe teña en conta estas experiencias e efectúe a tarefa correctamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.05.2012.