Ir o contido principal
STG

Unha tese en Física profunda na comprensión dos materiais supercondutores

De esquerda a dereita: Jesus Mosqueira, José Castaño, Manuel V. Ramallo, Óscar Cabeza e J. Trastoy
De esquerda a dereita: Jesus Mosqueira, José Castaño, Manuel V. Ramallo, Óscar Cabeza e J. Trastoy
Cualificada sobresaliente cum laude, na dirección colaborou o premio Nobel de Física 2003 A. J. Leggett, quen dirixiu persoalmente o período nos Estados Unidos desta tese con mención internacional
Santiago de Compostela

O comportamento dos materiais supercondutores é unha incógnita á que a ciencia lle vai gañando terreo progresivamente. Cualificada sobresaliente cum laude, a tese de José Lorenzo Castaño Verde presenta unha liña de traballo que avanza neste eido. Xunto ao profesor Manuel V. Ramallo da USC, a dirección do traballo contou coa destacada axuda do premio Nobel de Física 2003 A. J. Leggett, quen dirixiu persoalmente o período nos Estados Unidos desta tese con mención internacional. O traballo leva por título ‘A first-principles study and some applied researches of high-temperature superconductors and other low-dimensional functional materials’ e como aclara o doutor Castaño se ben non chega a explicar completamente por que os materias supercondutores funcionan así, “dá máis información acerca do seu comportamento”.

A investigación trata de aspectos tanto fundamentais como aplicados de varios tipos de materiais funcionais. No apartado dos aspectos fundamentais, destaca o estudo dos materias supercondutores de alta temperatura, aqueles “que levan estudándose en todo o mundo dende finais dos anos 80 sen que se teña conseguido explicar a razón das súas propiedades”, aclara o investigador. Son materiais de grande importancia polas súas propiedades cuánticas e de interese tecnolóxico en computación cuántica, tecnoloxía espacial e GPS ou para escáneres de resonancia en instalacións hospitalarias.

O traballo presenta unha singular aproximación teórica de “primeiros principios” que permitiu avanzar na explicación das propiedades supercondutoras, “en particular identificando unha relación desas propiedades coa enerxética dos núcleos atómicos do material, cando menos para as composicións químicas coñecidas como ‘subdopadas’”. Como aclara o investigador, “non se esperaba, antes da tese, que estes núcleos foran relevantes”.

A tese non só toca aspectos fundamentais, senón que nun segundo apartado presenta varias investigacións de carácter máis aplicado, incluíndo estudos de dispositivos híbridos piezoeléctrico e supercondutor e unha patente en detectores de radiación electromagnética e óptica, estes últimos baseados en películas de espesor nanométrico de materiais supercondutores de alta temperatura especificamente micopatroneados e nanoestruturados para esa funcionalidade. Poderían ser de utilidade en tecnoloxía aeroespacial, para a detección de aeronaves e incluso mísiles ou comunicacións en satélite; así como en fotónica, para comunicacións optofotónicas ou procesado de información cuántica; e, en xeral, en sectores con alto valor engadido, onde o prezo dos compoñentes non é un factor tan crítico, interesados en detección ultraprecisa e ultrarrápida de radiación electromagnética, sobre todo infravermella.

A tese tamén inclúe aplicacións para optimizar a filtración de nanoentidades de líquidos, mediante os chamados medios ENM, un tipo de filtro nanoestruturado electrostaticamente que está sendo xa comercializado para o sector sanitario, concretamente para eliminación de virus en auga e sangue, ou para a limpeza a grande escala de novos efluentes industriais. Este traballo de doutoramento desenvolveuse dentro do grupo QMatterPhotonics, integrante da rede galega Regalis e da Agrupación de Materiais AEMAT.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.12.2019.