Ir o contido principal
STG

Unha tese da USC mellora a avaliación da competencia motora na infancia e desenvolve unha aplicación pioneira cara a diagnoses fiables e sistematizadas

A tese de Aida Carballo mellora a avaliación da competencia motora na infancia. FOTO: Santi Alvite
A tese de Aida Carballo mellora a avaliación da competencia motora na infancia. FOTO: Santi Alvite
A investigación de Aida Carballo Fazanes introduce ALFAMOV, unha ferramenta informática para a detección de carencias motrices que poderá ser utilizada nos centros escolares e nas consultas de atención primaria

A enfermeira e investigadora Aida Carballo Fazanes, dos grupos CLINURSID (da USC) e SICRUS (do IDIS), defendeu na Facultade de Enfermaría da USC a tese de doutoramento ‘Avaliación fiable das habilidades motrices básicas na infancia. Proxecto ALFA-MOV’, na que profunda sobre a importancia da avaliación rigorosa da competencia motora das nenas e nenos pola influencia que esta ten na adquisición dun estilo de vida saudable e na prevención de enfermidades non transmisibles. Esta tese interdisciplinar, que recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude, foi dirixida polos profesores Cristian Abelairas Gómez e Antonio Rodríguez Núñez, pertencentes ás Facultades de Ciencias da Educación e Enfermaría, respectivamente.

A investigación achega estudos con datos innovadores que poderán servir de referencia para mellorar a avaliación da competencia motora na infancia, solucionando algunha das barreiras descritas por profesionais da saúde e o profesorado, dous axentes claves e de grande influencia no desenvolvemento motor infantil.

Ademais das publicación científicas en revistas de alto impacto bibliométrico, un dos resultados desta tese radica no desenvolvemento de ALFAMOV, a primeira ferramenta informática que posibilita a avaliación fiable e sistematizada das habilidades motoras básicas en nenas e nenos de entre 6 a 12 anos e que poderá ser utilizada nos centros escolares e nas consultas de atención primaria. Tal e como se recolle na web de ALFAMOV, na que se pode ampliar a información sobre o proxecto e descargar a ferramenta, esta aplicación de perfil didáctico permite valorar 22 habilidades organizadas en tres grupos (locomotrices, manipulativas e de estabilidade) para detectar de forma precoz posibles déficits e posibilitar unha intervención temperá co fin de corrixir as carencias e favorecer que as nenas e nenos alcancen o nivel axeitado de competencia motriz.

Proxecto marco

A investigación realizouse no marco dun proxecto estatal máis amplo denominado ‘Alfabetización Motriz e estilos de vida saudables: Desenvolvemento dunha ferramenta informática de avaliación da competencia motriz de menos e nenas de Educación Primaria’ un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e pola Axencia Estatal de Investigación no que colaboran a UVigo e a USC. Aida Carballo Fazanes contou tamén cun contrato de Formación do Profesorado Universitario (FPU) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades durante todo o período predoutoral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.12.2022.