Ir o contido principal
STG

Tomaron posesión os titulares dos novos cargos do equipo de goberno da USC

O reitor, en primeiro termo, xunto a Víctor Millet, Carmen Fernández e Francisco Durán (de esquerda a dereita)
O reitor, en primeiro termo, xunto a Víctor Millet, Carmen Fernández e Francisco Durán (de esquerda a dereita)
Reunifícanse responsabilidades en dúas vicerreitorías e créase unha de Relacións Exteriores e Internacionalización

O reitor Juan Casares presidiu este xoves 28 a toma de posesión dos titulares das novas vicerreitorías de Titulacións e Persoal Docente e Investigador; de Estudantes, Cultura e Formación Continúa; e de Relacións Exteriores e Internacionalización. O acto protocolario celebrouse no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Esta toma de posesión supón a incorporación ao equipo de goberno do catedrático Víctor Millet Schröder como vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización. Ademais, a profesora Carmen Fernández Morante será a partir de agora a responsable da Vicerreitoría de Titulacións e Persoal Docente e Investigador e Francisco Durán da de Estudantes, Cultura e Formación Continúa, estas dúas resultado dunha reunificación acordada polo reitor o pasado martes 26. Reorganización A reorganización do equipo de goberno da USC supón a redución de dúas vicerreitorías e a desaparición da Vicerreitoría Adxunta para Estudos de Grao e Posgrao no Campus de Lugo. Así, unifícanse as Vicerreitorías de Estudos de Grao e Posgrao eade Persoal Docente e Investigador na de Titulacións e Persoal Docente e Investigador; e as de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedadee a de Estudantes e Formación Continua , nunha única deEstudantes, Cultura e Formación Continua. Ademais créase a Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización, que asumirá as relacións da USC con outras institucións e organizacións, prestando atención prioritaria aos temas de internacionalización e á mobilidade dos universitarios, tanto estudantes, como profesores ou membros do persoal de Administración e Servizos. Víctor Millet Victor Millet licenciouse en 1988 en Filoloxía Angloxermánica na Universidade de Barcelona. Cunha bolsa do Servizo de Intercambio Académico Alemán (DAAD) realizou unha tese doutoral sobre literatura alemá medieval na Universidade de Tübingen, baixo a dirección do profesor Walter Haug (premio Leibnitz da República Federal de Alemaña).Foi lector de castelán e catalán na Universidade Libre de Berlín de 1991 a 1993, ano no que veu á Universidade de Santiago para ocupar a praza de profesor en lingua e literatura alemá medieval, na Facultade de Filoloxía. É catedrático deste especialidade dende 2010. Foi premio de investigación da Xunta de Galicia 1995 ao mellor artigo publicado en revistas científicas no ano anterior (ex aequo coa profesora Elvira Fidalgo, da mesma facultade). Ademais, foi bolseiro da Fundación Alexander von Humboldt en 2001 e 2002. Ten publicados unha decena de libros (entre monografías e edicións) e preto de cincuenta artigos e dirixidos sete proxectos de investigacións autonómicos e nacionais, con participación de profesores estranxeiros. Tamén participou en tres proxectos máis, un deles da RFA. Organizou coloquios científicos de alcance internacional e formou parte do equipo que desenvolveu o Máster Erasmus Mundus German Literature in the European Middle Ages. Integrantes do actual equipo de goberno xunto co presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira (no centro da imaxe)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2011.