Ir o contido principal
STG

Un traballo de investigadores de Farmacia, mellor artigo de 2020 do European Journal of Pharmaceutics and Biopharmaceutics

As enfermidades oculares dexenerativas están consideradas un problema de saúde mundial de primeira magnitude
As enfermidades oculares dexenerativas están consideradas un problema de saúde mundial de primeira magnitude. Foto: Santi Alvite
A liña de investigación presentada no artigo entronca coa incidencia das enfermidades oculares dexenerativas, considerado un problema de saúde mundial de primeira magnitude
Santiago de Compostela

Un artigo do Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía farmacéutica, inmunobioloxía parasitaria e parasitose hídricas acaba de ser recoñecido polo European Journal of Pharmaceutics and Biopharmaceutics como o mellor de todos os publicados durante o pasado ano 2020. O traballo, titulado ‘PET study of ocular and blood pharmacokinetics of intravitreal bevacizumab and aflibercept in rats’, foi seleccionado por todos os membros do consello editorial da publicación. Na súa redacción, ademais do grupo da Facultade de Farmacia, están implicados investigadores da Unidade de imaxe molecular e do grupo de Farmacoloxía Clínica do IDIS.

O traballo publicado forma parte do proxecto Retos do Ministerio de Ciencia e Innovación cuxo obxectivo é deseñar sistemas para a liberación prolongada de anticorpos e outras moléculas activas no interior do ollo. Como explica o profesor Francisco Otero Espinar, co autor do traballo, concretamente o artigo pon a punto unha técnica de tomografía por emisión de positróns (PET – Positron Emission Tomography) como un instrumento non invasivo para a análise farmacocinéticos de anticorpos monoclonais administrados mediante inxeccións intravítreas en modelos animais. O estudo concluíu o desenvolvemento de técnicas de marcaxe de anticorpos con radiofármacos e a caracterización dos procesos de distribución e eliminación dos anticorpos marcados a través de diferentes órganos e tecidos. Os coñecementos adquiridos poderían chegar a reducir o número de inxeccións que serían precisas para a administración dos tratamentos.

Esta liña de investigación entronca coa incidencia das enfermidades oculares dexenerativas, considerado un problema de saúde mundial de primeira magnitude e que o avellentamento da poboación conducirá a un aumento destacado da súa prevalencia. Entre estas enfermidades, atópanse a Dexeneración Macular Asociada á Idade (DMAE), a Retinopatía Diabética (RD) así como algunhas síndromes asociadas á perda progresiva de visión. Todas elas comparten a dificultade do seu tratamento. Como explica Francisco Otero, a súa efectividade asóciase co estado no que se atope a enfermidade no momento de inicio do tratamento, así como do tipo de técnica empregada. Os tratamentos máis prometedores baséanse no uso de terapias biolóxicas, sobre todo mediante o emprego de anticorpos monoclonais específicos, que se adminsitrarían mediantes inxección intravírtreas que deben repetirse durante un período de tempo cunha frecuencia variable en función do estado da enfermidade, engade Otero Espinar.

O European Journal of Pharmaceutics and Biopharmaceutics é a publicación oficial da International Association for Pharmaceutical Technology e atópase entre as máis destacadas da súa área.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2021.