Ir o contido principal
STG

Trece entidades de Europa e Latinoamérica deseñan conxuntamente un mestrado sobre desenvolvemento rexional sostible

A xornada inaugural do proxecto será en Ciencias Económicas e Empresariais
A xornada inaugural do proxecto será en Ciencias Económicas e Empresariais
O proxecto ‘Unleashing sustainable growth through applied technologies’ (USGAT) iníciase este luns 16 baixo a coordinación da USC

Institucións educativas e de investigación de Galicia, Colombia, Arxentina, Ecuador, Perú e Italia xúntanse arredor do proxecto ‘Unleashing sustainable growth through applied technologies’ (USGAT) que, coordinado pola USC, inicia os seus traballos o próximo luns 16 no Campus de Santiago para crear un programa de mestrado sobre desenvolvemento rexional sostible.

Será na Facultade de Ciencias Ecónomicas e Empresariais cando se dean cita o luns e o martes representantes da Universidade de Santiago; do centro de investigación Ayenomics, de Galicia; da Corporación Universitaria Autónoma do Cauca e da Universidade Tecnolóxica do Choco, de Colombia; da Universidade Nacional de Córdoba e da Nacional do Litoral, de Arxentina; da Universidade Tecnolóxica Empresarial de Guayaquil, da Estatal Península de Santa Elena e da Escola Politécnica Nacional, de Ecuador; da Universidade Nacional do Centro de Perú, da Nacional de San Cristóbal de Huamanga e do centro Descocentro, de Perú; e da Universitá degli Studi di Salerno, de Italia.

O obxectivo do proxecto, que se alongará tres anos, é deseñar un mestrado que será desenvolvido nas entidades latinoamericanas participantes cun currículo innovador que permita o estudantado adquirir habilidades conceptuais e técnicas para aplicar criterios de sustentabilidade ao analizar casos prácticos.

O proxecto traballará con diversos organismos e institucións como colaboradores nos programas de estudos de cara a obter información das súas necesidades, ademais de deseñar programas de prácticas e buscar, de forma activa, novas modalidades de colaboración entre as entidades participantes e diversas institucións locais nos seus respectivos países de orixe. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2024.