Ir o contido principal
STG

Ulises Moulines e Tomás Vives conversan este martes na USC sobre liberdade e ciencia

Os catedráticos eméritos de Teoría da Ciencia da Universidade Ludwig Maximillians de Munich e de Dereito Penal da Universidade de Valencia, Ulises Moulines e Tomás Vives, respectivamente, participan este martes 6 nunha conversa científica organizada no marco do proxecto do Campus da Cidadanía.

O encontro ‘A liberdade e os saberes científicos no horizonte da cidadanía’ dará comezo ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito cun acto de presentación no que intervirán o reitor, Juan Viaño; o decano da facultade anfitrioa, Gumersindo Guinarte; e o comisionado da USC para o Campus da Cidadanía, José Antonio Caride. A continuación, Moulines e Vives reflexionarán acerca da liberdade e da actitude da cidadanía cara a ciencia dentro dun século.

Vives Antón
Vives Antón é un dos xuristas españois máis completo e brillante dos últimos anos. Foi fiscal, catedrático de dereito penal, maxistrado do contencioso-administrativo, letrado do Tribunal Constitucional, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e maxistrado e vicepresidente do Tribunal Constitucional. As súas obras tiveron, e seguen a ter, un grande impacto xa que contribuíu á creación dunha xurisprudencia constitucional cinguida aos valores de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político, e a desenvolver, fortalecer e dar contido aos dereitos fundamentais.

Ulises Moulines
Pola súa banda, Carlos Ulises Moulines destaca no ámbito da Filosofía da Ciencia, sendo unha das figuras destacadas da corrente coñecida como ‘metateoría estruturalista’ aínda que tamén fixo achegas significativas á filosofía en xeral desde a orientación ‘analítica’, aquela que se ocupa pola elucidación conceptual dos problemas filosóficos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2017.