Ir o contido principal
STG

Os últimos cambios en contratación e cotización centrarán o luns 24 unhas xornadas na Escola Universitaria de Relacións Laborais

O venres 21 remata o prazo de inscrición neste foro, organizado en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais e Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo

A Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo celebrará o vindeiro luns, día 24 de marzo, unhas xornadas sobre os últimos cambios producidos en contratación e cotización, un foro no que distintos/as relatores analizarán e debaterán as últimas modificacións aprobadas en materia de cotizacións á Seguridade Social e os cambios introducidos nos contratos a tempo parcial.

As persoas interesadas en participar nesta xornada monográfica, organizada en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais e o Colexio de Graduados Sociais de Lugo, e dirixidas a estudantes universitarios, organizacións empresariais e sindicais, graduados/as sociais e demais profesionais relacionados coa materia, poderán formalizar a súa inscrición ata o venres, día 21 de marzo. A matrícula pode facerse en calquera das sedes dos tres centros organizadores. Tamén se pode obter máis información a través dos números de teléfono 982 824 800, 981 957 489 e 982 211 503. O relatorio de apertura desta xornada, que se desenvolverá en quenda de mañá, de 9.30 a 13.45 horas, no salón de actos da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo, versará sobre a nova cotización á Seguridade Social en 2014, unha cuestión que abordarán o director provincial do INSS en Lugo, Antonio Nores Quesada, e o xefe da Inspección provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo, Nicolás González Raposo. Distintos representantes sindicais de UGT e CC.OO. así como da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) expoñerán a continuación as súas respectivas visións sorbe as últimas novas e tendencias laborais advertidas en Galicia polos axentes sociais. O programa destas xornadas, dirixidas polo presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Ángel Fernández López, chegará ao seu fin cun relatorio sobre os últimos cambios na contratación a tempo parcial, un tema sobre o que disertarán Luis de Castro Mejuto, maxistrado da sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e Lourdes Mella Méndez, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2014.