Últimos días para inscribirse no congreso internacional ‘Valle-Inclán e as artes’
A relación entre Valle-Inclán e as artes será obxecto de estudo dun congreso internacional que a Facultade de Filoloxía acollerá entre os días 25 e 28 próximos promovido pola USC a modo de conmemoración do 75 aniversario da morte do escritor galego á vez que o centenario de Voces de gesta, obra emblemática da relación entre as artes e a literatura, argumento do encontro. A matrícula neste programa aínda se pode formalizar ata este mércores 19, prazo límite para formalizar a inscrición. A Cátedra Valle-Inclán da USC encárgase da organización desta iniciativa na que concorren prestixiosos especialistas, así como especialistas en artes plásticas, música ou cine, con conferencia plenarias e comunicacións, procedentes de institucións de ensino superior de Berkeley-California, Portland, Indiana, Varsovia, Perugia ou Milán, ademais das universidades de Murcia, Barcelona, Zaragoza, Autónoma e Complutense de Madrid, xunto a especialistas da propia USC como Darío Villanueva, José Manuel López Vázquez ou Carlos Villanueva. O programa deseñado profundará nas relacións do escritor e a súa obra coas artes, no marco das correntes artísticas e o pensamento estético do seu tempo. Así, a relación do autor co mundo artístico do seu tempo; o escritor visto polos pintores, debuxantes e caricaturistas; o seu pensamento estético; a súa faceta como crítico; a edición ilustrada valleinclaniana; as artes plásticas e imaxe na súa obra; a relación coas artes escénicas ou a música; así como as adaptación cinematográficas e televisivas son algúns dos bloques temáticos nos que se artellarán as intervencións presentadas.
As persoas interesadas poden ampliar esta persoas interesadas unha páxina web coa información do encontro en http://www.usc.es/gl/goberno/vrrelins/catedras/valle-inclan/congreso.html.