Ir o contido principal
STG

Últimos días para presentar candidaturas ás eleccións a reitor/a, representantes no Claustro e estudantes nas Xuntas de Centro

Xa o 14 de febreiro de 2022 está prevista a proclamación definitiva de candidatos e candidatas. FOTO: Santi Alvite
Xa o 14 de febreiro de 2022 está prevista a proclamación definitiva de candidatos e candidatas. FOTO: Santi Alvite
O prazo esténdese ata o luns 13 de decembro, mentres que o 15 publicarase a listaxe provisional de candidaturas
Lugo, Santiago de Compostela

O prazo para a presentación de candidaturas nos procesos electorais abertos na USC para elixir reitor/a, representantes de todos os sectores no Claustro Universitario, así como de estudantes nas Xuntas de Centro mantense aberto ata o 13 de decembro. A presentación das candidaturas, así como os escritos relacionados coas eleccións, deberá facerse a través da aplicación electoral, antes das 14.00 horas do día no que remate o prazo de presentación. O 15 de decembro publicarase a listaxe provisional de candidaturas.

Xa o 14 de febreiro de 2022 está prevista a proclamación definitiva de candidatos e candidatas, o que dará paso ao desenvolvemento da campaña electoral, entre os días 15 e 21 de febreiro. Logo da xornada de reflexión do 22 de febreiro, as votacións por vía electrónica celebraranse o 23 de febreiro entre as 9.00 e as 19.00 horas.

A proclamación definitiva do reitor ou reitora, de non ter que levarse a cabo unha segunda volta, será o 9 de marzo. Toda a información relativa aos comicios pode consultarse na web das eleccións.

Sistema de votación

Os electores/as terán que conectarse a través da súa Secretaría Virtual, ou ben dende a páxina web electoral, na que se habilitará unha ligazón á aplicación de voto.  En caso de non poder conectarse, as persoas interesadas deberán poñelo en coñecemento da Comisión Electoral Central ou da Secretaría Xeral a efectos de que se tomen as medidas oportunas para resolver a incidencia. A comunicación farase a través da conta de correo evoto [at] usc.es (evoto[at]usc[dot]es)

O proceso electoral consistirá na emisión de votos dende un dispositivo conectado a  Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC. A institución compostelá garantirá que a infraestrutura tecnolóxica que dá soporte ao sistema electoral contemple as medidas de seguridade que permitan o correcto funcionamento durante o período no que se exerce o dereito ao voto, o segredo e a privacidade do votante, a  integridade do voto e un escrutinio disociado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2021.