A Unidade de Atención Temperá da USC pon en marcha un servizo de consultas en liña

A Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago conta cunha nova páxina web que inclúe un servizo de consultas en liña accesible para pais, nais e docentes con dúbidas sobre a atención a nenos e nenas e adolescentes que precisen dar resposta o máis axiña posible ás súas necesidades educativas especiais, a problemas no desenvolvemento e de aprendizaxe ou que vivan situacións de acoso escolar. O novo servizo facilita a comunicación entre o equipo da Unidade -composto por psicólogos clínicos e evolutivos, logopedas, pediatras, doutores en Dereito, psicopedagogos, especialistas en terapia familiar, terapeutas de xogo e un paidopsiquiatra- e os pais, nais e docentes dun xeito máis cómodo, evitando desprazamentos innecesarios ao centro. Ademais deste servizo engadido, a nova páxina web ofrece unha imaxe renovada, máis visual e intuitiva, introduce melloras que se adaptan ás necesidades actuais da Unidade e amosa ampla información sobre os servizos que ofrecen no campo da intervención, formación e investigación en Atención Temperá.. De maneira complementaria á súa nova plataforma web a Unidade conta tamén con presenza nas redes sociais, con perfil en Facebook (www.facebook.com/uniatemp.USC) e Twitter (https://twitter.com/uniatemp_USC). Máis dunha década na USC A Unidade de Atención Temperá leva máis dunha década traballando no seno da Universidade, tempo no que tratou a máis de 2.500 menores afectados por trastornos ambientais con factores de estrés, exclusión social, trastornos na linguaxe ou algún tipo de enfermidade rara, entre outros. Composta por un equipo multiprofesional do ámbito social, educativo e psicolóxico, a UAT conseguiu unir a docencia, a investigación e a atención aos usuarios para dar servizo a todos estes menores.
Está situada na Facultade de Psicoloxía (Campus Vida) e conta con salas de logopedia, de terapia de xogo, de atención temperá, de investigación, estimulación precoz e atención psicopedagóxica.