Ir o contido principal
STG

A Unidade de Trastornos Depresivos da USC pon en marcha unha empresa de base tecnolóxica para a prestación de servizos relacionados coa saúde mental e o benestar

O equipo da Unidade de Trastornos Depresivos da USC acaba de poñer en marcha a empresa de base tecnolóxica ‘Xuntos. Atención Psicológica y Psiquiátrica’, co obxectivo de prestar servizos de atención, formación, investigación e outros relacionados coa saúde mental e o benestar. O equipo de Xuntos conta co asesoramento científico dos docentes Fernando L. Vázquez González e Ángela J. Torres Iglesias, dos Departamentos de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública. O resto do equipo está constituído polas doutoras en Psicoloxía Clínica Vanessa Blanco, Patricia Otero e Elisabet Hermida, con ampla experiencia en todas as áreas de servizo. Entre as súas primeira actividades, Xuntos organiza unha serie de obradoiros sobre Control de Estres e Ansiedade, así como os grupos de prevención da Depresión, que se celebrarán a partir da primeira semana do próximo mes de xuño en horario de mañá ou tarde. As persoas interesadas poden poñerse en contacto coa organización no teléfono 881256238 ou no correo electrónico xuntos [at] cop.es (xuntos[at]cop[dot]es). Os obradoiros de control do estre e a ansiedade desenvolveranse en catro sesións de unha hora con grupos en horario de mañá ou de tarde tendo como obxectivo dotar ás persoas que se inscriban de habilidades para aprender a relaxarse. Pola súa banda, o grupo de prevención da depresión consistirán en seis sesións en grupo dunha hora e media de duración na que as persoas que participen aprenderán distintos procedementos para previr a aparición dunha depresión futura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2013.