Universidade e empresa reúnense na USC para detectar as oportunidades da Big Data na enerxía
Co obxecto de explorar os retos e oportunidades do fenómeno Big Data no sector da enerxía, aAula Magna da Facultade de Matemáticas acolleeste venres unha xornada organizada pola Rede Tecnolóxica de Matemática Industrial (ITMATI). A eficiencia enerxética en grandes volumes –hospitais, universidades, administración…–, as previsións de importación de Gas licuado de Reganosa, software para as cidades intelixentes, redes eléctricas intelixentes ou a optimización matemática no deseño de plantas solares son algúns dos temas que se tratan. Empresas como Repsol, Hewlett-Packard Enterprise, EDF-Recherche et Développement, Fridama, Reganosa, Ecomanagement Technology, EQUS e NERXUS Quality Solutions exploran na xornada as súas necesidades de cara ao tratamento de grandes volumes de datos, mentres que destacados investigadores presentan as últimas metodoloxías da estatística, a investigación operativa e a computación, que poderían solucionar moitos dos retos aos que se enfronta o sector enerxético do século XXI. “A Big Data céntrase no manexo das cinco uves: volume, velocidade, variedade, veracidade e valor, e practicamente en todos os sectores hai unha oportunidade para a innovación”, apunta Peregrina Quintela, directora de ITMATI. “Trátase de manexar un gran volume de información, separar a información relevante do ruído, procesala e obter un resultado; un valor que permita tomar decisións en moi pouco tempo”. A xornada conta con relatores de talla internacional como François Dauphin, asesor da industria enerxética en Hewlett-Packard Enterprise (HP), que presenta a liña de traballo de HP en redes eléctricas intelixentes onde o uso da tecnoloxía informática é capaz de optimizar a produción e a distribución de electricidade para equilibrar a oferta e a demanda entre produtores e consumidores. Neste campo céntrase tamén Xavier Brossat, enxeñeiro e investigador senior na principal empresa de xeración e distribución eléctrica de Francia: EDF-Recherche et Développement. E é que a previsión da demanda é unha das grandes claves para a correcta planificación da produción e o comercio eléctrico. Pola súa banda, Giorgio De Paola presenta o proxecto Excalibur en Repsol, do que é consultor e no que se empregan técnicas matemáticas para realizar unha avaliación integral dos xacementos, de maneira que se poida caracterizar a súa incerteza e optimizar o desenvolvemento minimizando o risco inherente.
Estímase que cada día se crean cerca de 2,5 trillóns de bytes de datos (2,5 Exabytes), o que supón que o 90% dos datos en todo o mundo se xeraron nos últimos dous anos. Segundo o informe ‘ Big & Open Data in Europe: A growth engine or a missed opportunity?’ elaborado polo Instituto de Estudos Económicos de Varsovia, a transición a solucións tecnolóxicas baseadas en datos pode chegar a supor 206.000 millóns de euros para a economía europea en 2020.