A Universidade de Santiago homenaxea aos mestres republicanos represaliados durante o réxime franquista
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela acolleu este mércores, día 25, a mesa redonda ‘O maxisterio republicano’ na que se rendeu homenaxe ao importante labor educativo dos mestres republicanos represaliados durante o réxime franquista.
No encontro participaron a xornalista María Antonia Iglesias, autora do libro Maestros de la República. Los otros santos, los otros mártires; a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; o catedrático emérito de Economía Xosé Manuel Beiras; o profesor emérito de Historia da Educación Herminio Barreiro; e os profesores de Ciencias da Educación Anxo S. Porto e Antón Costa.
A conselleira de Educación destacou o importante labor destes mestres republicanos que loitaron por toda unha serie de valores democráticos coma a igualdade de oportunidades, o laicismo ou o ensino nas linguas vernáculas; “valores que, aínda hoxe, se defenden nas novas leis educativas”. Na mesma liña, Lois Ferradás apuntou que estes profesores foron “mártires” e que “a súa perda foi unha traxedia colectiva marcando a educación de máis dunha xeración”. Por iso, a xornalista María Antonia Iglesias agradeceu este tipo de actos que lembran “o traballo dun colectivo inxustamente castigado por aportar aos máis humildes cultura e liberdade”.
No transcurso da mesa redonda, Herminio Barreiro leu un texto titulado ‘Sobre a recuperación da memoria histórica’ pedindo a lembranza destes mestres esquecidos debido a manipulación do pasado histórico porque “cómpre coñecer a verdade” e porque “xa non é tempo de vinganzas, senón de recuperar a memoria de todos e todas”.
A continuación, o docente da USC, Anxo S. Porto, apuntou que preto de 61.000 mestres republicanos foron “depurados” polos franquistas nun proceso que tamén implicou o exilio de moitos profesionais da educación. Asemade, subliñou a importancia do ‘’exilio interior” no que moitos mestres loitaron contra a educación franquista reuníndose en segredo ou publicando baixo pseudónimo en xornais como La noche de Santiago.
Antón Costa tamén ofreceu datos das perdas indicando que, neste ano, “sábese de 91 mestres” asasinados polas forzas franquistas. Moitos deles tiñan menos de trinta anos e, segundo o docente da USC, “realmente morreron polas súas actitudes cívicas e democráticas” coa fin de conseguir modernizar a educación en España.
Pola súa banda, Beiras Torrado recalcou a importante labor da xornalista María Antonia Iglesias e falou do seu profesor Xesús Pereira, mestre durante a II República que durante a ditadura tivo que deixar de exercer na ensinanza pública e que, grazas ao apoio de pais que se negaban a educar aos seus fillos nas escolas franquistas, puido ensinar a rapaces coma el.