As tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación e Industria impulsan o Día de Internet en Galicia
As tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación e Industria celebrarán o vindeiro día 15 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC o Día de Internet en Galicia co desenvolvemento dunha xornada sobre ‘Estratexias TIC e de Sociedade da Información en Galicia’.
Esta xornada, que inaugurarán de xeito oficial o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, e o reitor da USC, Senén Barro, articúlase en dous bloques temáticos sobre ‘TIC e universidades. Estratexias’ e ‘Desenvolvemento autonómico da Sociedade da Información’. As distintas intervencións previstas impartiranas representantes das tres universidades galegas, da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), da administración autónomica galega e das de Asturias, Andalucía e País Vasco.
Baixo o lema ‘+Internet+Galego+Futuro’ esta edición do Día de Internet en Galicia quere focalizar a súa atención nos contidos e servizos que están dispoñibles en lingua galega na rede e que abranguerían un catálogo no que teñen cabida a creación artística, a presentación de políticas e servizos públicos, pasando por bases de datos, xestións en liña ou ferramentas telemáticas para a relación coa administración, as empresas ou as organizacións sociais.
Trátase dunha xornada na que se pretende propiciar, coa axuda das tecnoloxías dixitais, a participación de todos os galegos nunha reflexión colectiva sobre as posibilidades que as tecnoloxías da información e a comunicación achegan para a normalización da lingua galega, a difusión e enriquecemento da cultura e a construción da sociedade do coñecemento en Galicia.