As tres universidades galegas, as consellarías de Cultura e de Innovación e Agader colaboran no inventariado e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galicia
Os tres reitores galegos, Alberto Gago Rodríguez, José Mª Barja Pérez e Senén Barro Ameneiro; os conselleiros de Cultura e de Innovación, Ánxela Bugallo e Fernando Blanco, respectivamente; e o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Edelmiro López Iglesias, asinaron este luns un convenio de colaboración para a preparación do inventariado, salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.
O obxectivo deste proxecto denominado Ronsel é evitar a desaparición das formas inmateriais do patrimonio cultural galego de maneira que se poidan inserir na economía e na sociedade da Galicia actual. A acción coordenada dos departamentos de Cultura, Innovación e Industria e Medio Rural e o traballo dos investigadores das universidades permitirán poñer en marcha medidas conxuntas para aproveitar ao máximo as sinerxías.
Os traballos do programa de investigación serán realizados por un equipo de profesores e investigadores pertencentes ás tres universidades galegas dirixido polo profesor da Universidade de Vigo Iván Area Carracedo. Ademais, serán coordinadores do programa os profesores Xosé Manuel Cid Fernández, Anxo Fernández Ocampo e Xavier Simón Fernández.
Para a realización do proxecto contarase coa colaboración e participación doutros investigadores, tanto das institucións académicas galegas como doutras universidades portuguesas e doutros centros de investigación. Co obxecto de consolidar os resultados, os traballos prolongaranse durante cinco anos, ascendendo o orzamento previsto para 2007 a 255.000 euros.
Inventario completoDurante este ano o grupo realizará un inventario completo do patrimonio inmaterial, sistematizando o traballo feito ata agora e establecendo pautas comúns para continuar a investigación. Neste sentido, levarase a cabo un extenso traballo de campo, contactando coas persoas e grupos que manteñen vivo o patrimonio inmaterial e as persoas e colectivos que traballan a prol da súa conservación. Neste punto incluiranse as comunidades de galegos e galegas emigrantes.
Para garantir a calidade do traballo, o persoal que tomará parte no proxecto recibirá cursos de formación específica. Así mesmo, celebrarase un congreso para poñer en común e dar a coñecer os resultados.
O patrimonio como elemento de progresoPero máis alá do coñecemento sobre as tradicións galegas, este proxecto pretende aplicar medidas para recuperar e facer viable a riqueza etnográfica de Galicia. Poranse en marcha roteiros agroecolóxicos que reproducirán o ciclo tradicional do traballo no campo e itinerarios festivos baseados nas diferentes manifestacións tradicionais do lecer no mundo rural.
Tamén se crearán circuítos ligados a determinadas prácticas e tradicións, como son as lendas e mitos de maneira que se valoricen espazos e paisaxes mediante o deseño de itinerarios. Por outra banda, fomentaranse as feiras de produtos artesanais, facendo fincapé nas habilidades e nos saberes precisos para a súa elaboración.