Ir o contido principal
STG

A urbe xaponesa e Santiago como cidade de fluxos centran dous relatorios no marco do programa Vía Láctea

Os xeógrafos xaponeses Shigeru Nakahima e Katsuyuki Takenana, da Aichi Prefectual University, ofrecerán este xoves cadanseu relatorio na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, no marco do ciclo ‘Xestión da cultura e patrimonio: lazos entre Xapón e Galicia’, promovido ao abeiro do programa de cooperación bilateral entre Europa e Asia Vía Láctea, que favorece o intercambio de estudantes, PAS e investigadores entre a USC e universidades xaponesas. O profesor da Facultade da Cultura Xaponesa da Aichi Prefectual University Shigeru Nakahima ofrecerá un relatorio, a partir das 12.30 horas, no salón de graos da Facultade de Humanidades, baixo o título ‘Aproximación xeográfica á formación da cidade xaponesa’. Este relatorio será en xaponés con tradución ao castelán. Xa en quenda de tarde, o profesor e investigador da Facultade de Estudos Estranxeiros da referida universidade nipona disertará no mesmo escenario, a partir das 17.00 horas, sobre a concepción de Santiago de Compostela como cidade de fluxos. Os dous relatorios son de entrada libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2015.