Ir o contido principal
STG

A USC acolle, por segunda vez, o congreso da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica

A USC acolle, por segunda vez, o congreso da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica
A USC acolle, por segunda vez, o congreso da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica

A décimo cuarta edición do congreso bienal da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica (SEFIG) desenvólvese esta semana na Facultade de Medicina da USC coa participación de máis de 150 docentes e investigadores procedentes de universidades e centros de España, Europa e América. O encontro inaugurouse este mércores nun acto que presidiu o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzuri.

O encontro aborda temas relacionados coas novas tecnoloxías de deseño, produción e garantía de calidade de medicamentos, as aplicacións farmacéuticas da nanotecnoloxía e os sistemas bioinspirados en vectorización de fármacos, terapia xénica, teranose e medicina rexenerativa, e o emprego de procedementos de impresión 3D na preparación de medicamentos personalizados. Ademais, dedícanse dúas sesións ás TICs na docencia e á protección do coñecemento e a transferencia de tecnoloxía.

Esta e a segunda vez que este congreso ten lugar na USC. A primeira foi en 1999 e agora, como aquela ocasión, a organización correu a cargo de profesores da área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia. Nesta edición, o comité organizador que preside Ángel Concheiro, está constituído maioritariamente por membros do grupo I+DFARMA, recoñecido como de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia pola súa intensa actividade investigadora multidisciplinar.

O congreso da SEFIG ten a particularidade de que aborda unha área científica desde os tres pilares fundamentais da actividade do profesor universitario, como son investigación, transferencia de tecnoloxía e docencia. Para a USC, a farmacia e a tecnoloxía farmacéutica representan un polo de atracción de relevancia internacional para alumnado e persoal investigador de orixes xeográficas e ramas do saber moi diversas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2019.