Ir o contido principal
STG

A USC acolle unhas xornadas sobre desafíos matemáticos e computacionais na investigación biomédica

O Salón de Actos da Facultade de Matemáticas congregará este venres 15 e o sábado a preto de douscentos investigadores nas Xornadas TopDown de i-MATH ‘Desafíos matemáticos e computacionais na investigación biomédica’. A inauguración terá lugar ás 9.30 horas coa asistencia do reitor Juan Casares; da coordinadora de i-MATH e presidenta da Rede Española Matemática – Industria, Peregrina Quintela Estévez; do director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC, César Sánchez Sellero; do director do CIMUS, Carlos Diéguez González; e da investigadora principal do grupo de investigación GRID[ECMB] e da Rede Nacional de Bioestadística biostatnet, Carmen Cadarso Suárez. Como ocorre noutros países do noso contorno, o avance que está experimentado a matemática española é máis que notable. Non obstante, precísase dun maior impulso en materia de investigación, formación e transferencia matemática de calidade para dar resposta á forte demanda da figura do matemático na investigación biomédica actual. Desde hai uns anos, as dúas grandes comunidades involucradas nestas xornadas, a matemática e a biomédica, están tomando conciencia da importancia da colaboración entre elas. Esta colaboración valórase, desde o proxecto Ingenio Consolider i-MATH, como unha forma de transferencia de tecnoloxía matemática. Deste xeito, co encontro que comeza este venres preténdese potenciar as sinerxias entre ambas comunidades de investigación, promover a posta en marcha de novas iniciativas e lograr un maior coñecemento mutuo para intensificar os traballos. Os relatorios impartiranos investigadores das Universidades galegas, do CHUS, do CESGA, da Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública) e da Universidade Nova de Lisboa, de áreas tan diversas como a bioloxía, a estatística, a física, a informática, as matemáticas e a medicina. Organización As xornadas organízaas o grupo multidisciplinar GRID[ECMB] integrado por investigadores das áreas da estatística, computación, medicina e bioloxía, con sede na USC e dirixido pola catedrática de Estatística Carmen Cadarso Suárez. Compóñeno ademais investigadores da USC, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e das Universidade de Vigo, portuguesas Nova de Lisboa e Minho, das belgas de Hasselt e Lovaina e da Carl von Ossietzky de Alemaña. O comité científico das xornadas está integrado polos profesores Mª del Carmen Carollo Limeres, Wenceslao González Manteiga e Carmen Cadarso Suárez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2011.