Ir o contido principal
STG

A USC alíase co oso pardo na súa reconquista do Courel

Exemplar de oso pardo ibérico, na serra courelá. Foto: Fundación Oso Pardo
Exemplar de oso pardo ibérico, na serra courelá. Foto: Fundación Oso Pardo
A Estación Científica da USC actúa como centro loxístico e campamento base dos investigadores implicados no Life Oso Courel, un proxecto europeo no que a institución académica colabora coa Fundación Oso Pardo e ao abeiro do que se plantaron milleiros de árbores na serra courelá para mellorar o hábitat deste plantígrado
Lugo

A Estación Científica do Courel (ECC), unha infraestrutura singular da USC especialmente ligada á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, tense convertido nos últimos anos nun aliado do oso pardo no seu proceso de reconquista desta serra courelá. As actuacións realizadas a prol deste cometido desenvolvéronse ao abeiro do Life Oso Courel (2016-2020), un proxecto europeo coordinado pola Fundación Oso Pardo e en cuxo comité científico tamén está presente a USC, segundo indica o director da ECC, Antonio Rigueiro.

O  asentamento de osos pardos na serra courelá aínda é reducido, pois pode haber dous ou tres exemplares, comentou o tamén catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, ao tempo que precisou que a poboación de osos é maior e xa está máis asentada nas montañas dos Ancares. Aínda así, Rigueiro, engadiu que a confirmación da presenza de osos na serra do Invernadoiro (Ourense) é un sinal moi positivo de cara ao asentamento definitivo desta especie nas montañas orientais de Galicia, espazos naturais que outrora xa foron habitados por osos, lembrou.

Rigueiro cualificou de moi importante o traballo que se está a desenvolver ao abeiro do Life Oso Courel, un proxecto que abrangue múltiples e diversas actuacións orientadas tanto a sensibilizar á poboación local respecto de que os beneficios socioeconómicos que pode reportar a presenza desta especie son superiores aos estragos que causan aos produtores locais, así como a favorecer hábitats naturais apropiados para o asentamento de poboacións de oso pardo.

“No caso do Courel, atreveríame a dicir que a maioría da poboación está a favor da volta do oso pardo a unhas montañas que habitou ata hai pouco máis dun século”, comentou Antonio Rigueiro, quen, ademais de destacar o importante efecto que están a ter as diversas iniciativas activadas a prol da recuperación desta especie, subliñou que a volta do oso ás montañas orientais galegas tamén está estreitamente relacionada co despoboamento das zonas rurais e mesmo co abandono de determinadas prácticas e cultivos agrícolas. Esta menor incidencia da actividade humana fai posible que a propia natureza recupere os seus espazos e aumente así a súa biodiversidade, sinalou.

Hábitat e plantacións

De xeito parello á evolución natural, os promotores do Life Oso Courel acometeron nas últimas semanas accións orientadas a converter as serras courelás en hábitats máis propicios para o oso, a través da reforestación de determinadas áreas de montaña e da plantación de especies arbóreas cuxo froito tamén propicia alimento para esta especie. A  última campaña de plantacións realizadas ao abeiro do Life Oso Courel rematou en abril, segundo deu conta a propia Fundación Oso Pardo, que desenvolveu estas accións de reforestación en oito montes veciñais en man común dos concellos de Folgoso do Courel e de Quiroga, así como en parcelas de titularidade privada logo de chegar a acordos cos seus propietarios.

As instalacións da Estación Científica do Courel serviron de lugar para almacenar ferramentas e o material vexetal usado nestas plantacións, nas que, segundo comentou Rigueiro, se  empregaron variedades de cerdeira (Prunus avium), sanguiño (Frangula alnus), bidueiros (Betula alba), maciñeiras silvestres (Malus sylvestris) ou matogueiras de sorbas (Sorbus aria e Sorbus aucuparia), entre outras especies autóctonas.

Potencialidades turísticas

O turismo natural e a potenciación dos atractivos turísticos que presenta a serra courelá constitúe outra das dimensións que pode saír reforzada coa presenza de osos pardos nestas montañas luguesas. Antonio Rigueiro explicou neste senso que parte dos traballos que están a desenvolver os investigadores implicados neste Life da Fundación Oso Pardo, persoal que en máis dunha ocasión utilizan os laboratorios da ECC e mesmo se aloxa nas súas instalacións, están centrados no estudo das pegadas e das rutas que seguen os osos nos seus desprazamentos.

Os resultados destas pescudas serán de gran utilidade, segundo comentou o director da Estación Científica do Courel, tanto para coñecer máis datos sobre o comportamento e respecto dos itinerarios que seguen os osos nos seus desprazamentos, como para definir o posterior emprazamento de miradoiros ou postos de observación desde que os que veciños e visitantes poidan contemplar osos en liberdade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2021.