Ir o contido principal
STG

A USC analizará o martes no Día Mundial do Turismo os retos futuros do sector

A USC analizará o martes no Día Mundial do Turismo os retos futuros do sector
A USC analizará o martes no Día Mundial do Turismo os retos futuros do sector
A xornada desenvolverase o día 27 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Conscientes da transcendencia económica e social do turismo en Galicia, o Centro de Estudos e Investigación Turísticas (Cetur) e o Máster Universitario en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas da Universidade de Santiago celebrarán cunha xornada de debate o Día Mundial do Turismo o vindeiro 27 de setembro. Esta xornada, dirixida non só ao mundo académico senón tamén ás empresas e aos entes xestores no ámbito do turismo, analizarase o futuro do sector turístico en clave mundial e local. Contará con conferencias plenarias a cargo do director dos Membros Afiliados da Organización Mundial do Turismo, Javier Blanco Herranz, do responsable do Instituto de Estudos Turísticos de España, Vicente Monfort Mir, e do director xeral de Recursos Humanos do Grupo ORIZONIA, Álvaro Vázquez. A xornada clausurarase coa presentación das conclusións do Foro do Turismo ‘Novos cambios do sector turístico en Galicia’ que terá lugar o 26 de setembro no Centro de Estudos Avanzados para facer balance dos últimos meses no sector turístico en Galicia e debater sobre o seu futuro e no que participarán os máximos representantes do sector turístico galego. Con esta convocatoria, aberta á participación dos representantes do sector turístico galego e doutros axentes públicos e privados, preténdese establecer puntos de encontro entre os diferentes subsectores para conformar una folla de ruta e chamar a atención sobre a importancia crecente do sector turístico na economía galega e o papel a xogar polo sector empresarial privado na promoción da comercialización turística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2011.