A USC aposta pola iniciativa emprendedora como valor engadido á formación académica

O desenvolvemento da personalidade emprendedora é imprescindible na vida profesional, tanto para a creación dun proxecto de negocio como á hora de responder á demanda das empresas. Partindo desta idea, a universidade compostelá, a través da Aula Emprendedores da Cátedra Bancaja da USC, inicia un novo curso académico co obxecto de dotar a universitarios e licenciados recentes das ferramentas necesarias para o desenvolver estas habilidades profesionais. O programa da Aula Emprendedores foi presentado esta martes na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago, nun acto no que estiveron presentes o reitor da USC, Juan Casares; o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; a decana da facultade, María Emilia Vázquez; a directora da Cátedra Bancaja, Loreto Fernández, e directora de BIC Galicia, Maite Cancelo,entre outros. A actividade da aula desenvolverase entre o 17 de febreiro e o 27 de abril, aínda que quen desexe participar deberá formalizar a súa inscrición entre o 4 e o 14 de febreiro a través da web da USC. Así mesmo, este mércores e xoves os campus de Lugo e Vida (Santiago) acollerán a presentación do programa da Aula Emprendedores. A personalidade emprendedora, o proxecto empresarial e o entorno emprendedor son os tres eixos arredor dos que se articula a actividade deste proxecto formativo da Cátedra Bancaja da USC. Así, o programa de desenvolvemento de habilidades profesionais foi deseñado co obxecto de dotar aos alumnos de ferramentas de traballo que completen o seu perfil académico, fortalecendo habilidades como a creatividade, a innovación, a comunicación interpersoal, o liderazgo e o traballo en equipo, entre outras. Estas capacidades potenciaranse a través de talleres dinámicos e videoforums, experiencias prácticas que poñerán a proba os coñecementos adquiridos. Outro dos eixos do programa da Aula Emprendedores é o proxecto empresarial, o plan de desenvolvemento de ideas e negocios. A través de seminarios de participación activa analizarase o proceso de creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais, dende a localización de ideas ata a consolidación e crecemento dunha empresa. Como complemento final do programa, organizaranse unha series de visitas á Cámara de Comercio de Santiago, á empresa Casa Grande de Xanceda (Mesía, A Coruña) e ao polígono santiagués do Tambre, coa finalidade de coñecer o entorno emprendedor, terceiro eixo da actividade formativa. Por outra banda, ao longo do período de duración da aula, os participantes recibirán información puntual doutras actividades desenvolvidas por entidades e empresas que perseguen obxectivos similares. Este é o caso do Forum Ciceron para a busca de talentos, ‘Woman in Business’ e a Xornada Emprende Compostela, entre outras. A presentación da Aula celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (Santiago)