A USC dá a benvida ao seu alumnado estranxeiro

Os campus de Lugo e Santiago dan estes días a benvida ao alumnado estranxeiro que este curso se incorpora ás aulas da USC coa celebración do International Students Welcome Day. No Campus lugués celebrouse este mércores na Casa do Saber coa presenza dos vicerreitores de Coordinación e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno Lema e Carme Silva Domínguez, respectivamente, xunto coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos Ramos. Participaron boa parte dos preto 100 estudantes internacionais procedentes de 20 países de Europa (Portugal, Italia, Reino Unido, Romanía, Irlanda, Polonia, República Checa e Turquía), América (México, Colombia, Perú, Venezuela, Ecuador, Arxentina, Brasil, Chile) e Asia (Tailandia, Palestina, China e Paquistán), ademais de preto de 20 alumnos de intercambio chegados doutras universidades españolas.
En Compostela, o reitor Juan Viaño presidirá a sesión o xoves 15 ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Na mesma xornada a vicerreitoría de Internacionalización da USC, Almudena Hospido, entregará as credenciais dos dous bolseiros seleccionados na convocatoria do Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas cuxos beneficiarios son Zaid Alhamwy e Mohamad Kamal Aldalati, estudantes de doutoramento e grao respectivamente de orixe siria.
A comezos de curso, a cifra de estudantes estranxeiros que cursarán estudos na USC supera o millar, cifra que previsiblemente ascenderá a 1.300 co alumnado que se incorpore no segundo semestre. Máis de trinta países están representados nas aulas da universidade compostelá, sendo os programas Erasmus e Erasmus Mundus os programas que achegarán o 60% dos/as estudantes de grao. Destaca a crecente presenza da comunidade italiana con 136 estudantes, seguida por Alemaña, Polonia e Reino Unido. Unha destacada porcentaxe estudarán na Facultade de Filoloxía, a preferida xunto coas de Dereito, Medicina e Odontoloxía, Ciencias Políticas e Sociais e a de Ciencias Económicas e Empresariais.
O volume de alumnos/as que se achegan a Compostela e Lugo por convenios bilaterais de intercambio representa o 40% restante, repetindo México e China como principais países emisores con máis dun cento de estudantes de cada un. Brasil, Chile, Arxentina, Colombia, Corea, Perú, Rusia, Uruguai, Xapón, Venezuela ou Vietnam son exemplos doutros países que estarán representados este cursos nas aulas da USC, lista que se engrosa ano a ano con novos países como é o caso de Guatemala, Tailandia ou Taiwán neste curso. Unha boa parte deste alumnado de intercambio selecciona Campus Terra como destino, concretamente a Escola Politécnica Superior e as facultades de Administración e Dirección de Empresas e de Veterinaria.
Doutoramento
As cifras relativas ao número de titulados e tituladas estranxeiros que escollen a USC para realizar a etapa doutoral sinalan 484 doutorandos/as internacionais orixinarios de 64 países, con Portugal (32%), Ecuador (12,6%) e Brasil (10,5%) á cabeza.
O alumnado internacional interesado en participar no evento aínda pode rexistrarse escribindo un correo a study.abroad [at] usc.es (study[dot]abroad[at]usc[dot]es) ou chamando ao teléfono 881.812.899.
De esquerda a dereita, Silva, Bueno, Méndez e Santos, na recepción institucional ao estudantado internacional e de intercambio chegado ao campus de Lugo