A USC celebra o Día da Ciencia en Galego
Varios centros dos Campus de Santiago e Lugo da USC uniranse esta semana ao ensino de primaria e secundaria que celebra o venres 4 o Día da Ciencia en Galego, ao igual que fixeran o pasado ano os Servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas coa campaña En galego tamén se fai ciencia. Nesta ocasión, Bioloxía, ETSE, Física e Matemáticas en Santiago e a Biblioteca Intercentros, Ciencias, EPS e Veterinaria en Lugo organizan unha serie de actividades abertas ao público en xeral e que van dende exposicións e charlas a reparto de vocabularios específicos ou visitas guiadas. Santiago En Santiago as accións comezarán xa este mércores, 2 de novembro, coa mostra ‘Mulleres ConFormando a ciencia’ que se poderá visitar ata o venres na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Este mesmo centro acolle o día 3 ás 12.00 horas unha charla da súa ex alumna Celia Castro e deseguido unha mesa redonda sobre o galego na docencia e na investigación na ETSE. Tamén o xoves 3 a Facultade de Física acollerá ás 19.00 horas a conferencia ‘Física en Compostela: investigando’ e unha hora máis tarde a proxección de ‘O experimento LHCb’ e de ‘ Big-Bang no LHC’. Mentres, na Facultade de Bioloxía ás 20.00 horas estarse desenvolvendo un debate sobre o uso do galego nas ciencias. As actividades do campus compostelán continuarán en Matemáticas o día 8, onde se presentará ás 12.00 horas no Salón de Graos a Comisión de Normalización Lingüística, o concurso de vídeo ‘ Explícoche Matemáticas 2.0’ e Minerva, o repositorio institucional da USC. Lugo A entrada da Biblioteca Intercentros de Lugo converterase dende o día 3 ata o 11 nun expositor dos fondos científicos e de divulgación do centro en galego. Tamén a partir do xoves e durante unha semana, a Escola Politécnica Superior será escenario da exposición ‘María Wonenburger’ e dunha mostra de traballos científicos en galego. Nese centro o venres 4 ás 10.30 horas haberá un visionado de documentais e charlas baixo o título ‘En galego, sen parar’. As actividades de Veterinaria terán lugar o venres 4, cunha charla ás 10.30 horas no auditorio sobre as investigacións da Facultade e o reparto, ás 11.30 horas na conserxaría, do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria. As celebracións do Día da Ciencia en galego complétanse con múltiples actividades na Facultade luguesa de Ciencias, que terá na entrada unha exposición de bibliografía científica en galego. O resto de accións, todas no Salón de actos, comezarán ás 11.45 horas coa presentación do XXIV Congreso de ENCIGA; do traballo O nome e o símbolo dos elementos químicos por unha das súas autoras, Ana Gómez Noya; coa charla ‘Química con produtos caseiros: ácidos, bases, colorantes e antioxidantes’; cun obradoiro de química recreativa con experimentos sorprendentes; do reparto, ás 13.15 horas, do Vocabulario de Química a táboas periódicas; e dunha visita guiada para coñecer os novos laboratorios.