Ir o contido principal
STG

A USC celebra o Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta: a poeta, a música, a muller que resistiu

Un momento do acto académico desenvolvido no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Un momento do acto académico desenvolvido no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
No acto académico na honra da escritora presentouse o libro editado pola Universidade, que coordinaron María Xesús Nogueira Pereira e Montse Pena Presas

Como “celebración tradicional” cualificou o reitor da USC Antonio López o acto académico de conmemoración do Día das Letras Galegas que se desenvolveu este xoves no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e que el presidiu, e ao que asistiu tamén o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Unha tradición que se remonta a máis de medio século atrás, pois como lembrou o director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás, o volume que publicou Edicións USC en homenaxe á poeta coruñesa Luísa Villalta é xa o número 55 da serie.

Cidrás lembrou que a palabra e a música, os dous eidos da cultura nos que despregaba a súa creatividade a homenaxeada, “están feitas da mesma materia, ruído e silencio”, aínda que a música transmite fundamentalmente emocións e a palabra sobre todo información. O profesor lembrou como a poeta era unha “muller que se preguntaba por que os homes non nos len” e salientou que foi tamén unha mestra de “espírito crítico”, algo que tratou de transmitirlle ao seu alumnado.

A obra publicada pola Universidade, titulada Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta, foi coordinada por María Xesús Nogueira Pereira, profesora do departamento de Literatura Galega e Montse Pena Presas, profesora do departamento de Didácticas Aplicadas da USC. As dúas pronunciaron a conferencia ‘As feridas no ar. Sobre a figura poliédrica de Luísa Villalta' e subliñaron que “foron moitas as mans que axudaron a construír este volume” en lembranza dunha poeta -tamén mestra de Montse Pena- que na aula buscaba “axudar a construír cidadás e cidadáns críticos co mundo no que vivimos.

Enriqueceron o acto as pezas interpretadas polas integrantes do Trío de Frauta, Clarinete e Fagot da Agrupación de Cámara da Orquestra da USC e unha lectura de textos poéticos da homenaxeada por seis alumnas do grao de Lingua e Literatura Galega da USC. O evento rematou coas intervencións do conselleiro e o reitor, que leu o poema que escribira Luísa Villalta en homenaxe a Palestina.

Escribir para quen
O volume que saíu do prelo de Edicións USC comeza co capítulo 'As feridas no ar. Algunhas reflexións sobre a obra de Luísa Villalta', a cargo de María Xesús Nogueira Pereira e Montse Pena Presas. Marga do Val é a autora do texto 'Luísa Villalta: a poesía do mesmo lado do compromiso' e Inmaculada López Silva escribe o capítulo 'Da orde das cousas ao gueto de muller no teatro galego. A propósito da obra dramática de Luísa Villalta'.

Seguen Dolores Vilavedra, con 'Luísa Villalta ou a arte de vivir co misterio da desubicación', Rexina Rodríguez con 'E eu mesma me vin mirar-me a min que me miraba. Luísa Villalta ou a extrema autoconciencia' e Carolina Doldán e Adolfo Doldán con 'Xeralizar co feminino (Lembranzas de Luísa Villalta, mestra)'. Pechan o volume María Xesús Nogueira e Montse Pena co capítulo 'Luísa Villalta na voz das outras', que inclúe poemas da homenaxeada e doutras autoras que interactuaron coa obra da escritora coruñesa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2024.